A publicidade inclusiva ten cada vez máis importancia nas estratexias de márketing. O estudo da Unstereotype Alliance, unha iniciativa impulsada pola ONU Mulleres, demostrou que os anuncios inclusivos teñen un impacto positivo nas vendas, a rentabilidade e no valor das marcas que os implementan.
Este informe pioneiro, titulado ‘The Business Case for Inclusive Advertising‘ (Argumentos comerciais a favor da publicidade inclusiva), realizouse en colaboración con investigadores da Saïd Business School da Universidade de Oxford e coa participación de empresas importantes como Kantar, Bayer Consumer Healthcare, Mars Incorporated ou Unilever.
A investigación baséase na análise de 392 marcas de 58 países diferentes e revelou cifras contundentes. Segundo o estudo, os negocios que implementan estratexias de publicidade diversa son un 62 % mais propensos a converterse na primeira elección dos consumidores.
As campañas inclusivas xeraron un aumento do 3,5 % en vendas a curto prazo e ata un 16 % a longo prazo, o que remarca o valor deste tipo de prácticas en calquera período de tempo.
Outro apartado interesante deste estudo é o que se refire á lealdade do consumidor. As empresas que usan estes anuncios conseguen un 15 % máis de fidelidade por parte dos seus clientes. Todo isto suxire que as persoas valoran estas accións e que senten unha conexión persoal cos que as levan a cabo, un aspecto crucial á hora de diferenciarse da competencia.
Así mesmo, o informe reflectiu que as marcas que se entregan con esta clase de publicidade teñen unha marxe maior para subir os prezos dos seus produtos e servizos, cun 54 % máis de poder de fixación.
Máis aló da mellora en vendas, tamén amosa que as estratexias inclusivas xeran un impacto positivo na percepción da marca a longo prazo e axudan a construír unha reputación sólida e confiable.
Os achados abarcan diversas categorías de produtos, entre as que se atopan alimentos e bebidas, coidado persoal, beleza, coidado de mascotas, artigos para o fogar e saúde. En todos estes sectores, as marcas que inverten en campañas equitativas demostraron unha clara vantaxe en termos de competitividade no mercado, preferencia dos consumidores e fortalecemento da lealdade de marca.
Desmitificando a inclusión
Historicamente, existiu unha resistencia cara este tipo de publicidade debido á percepción de que estes esforzos poderían afectar negativamente ao desempeño financeiro. Porén, o estudo desmonta estes argumentos ao proporcionar evidencia estadística que amosa o impacto positivo destas accións.
A Unstereotype Alliance acentuou a necesidade de adoptar prácticas publicitarias máis igualitarias. Os resultados deste informe demostran que a inclusividade trae beneficios comerciais e debería ser un factor clave estratéxico no panorama empresarial actual, nun contexto no que cada vez custa máis destacar.
Podes consultar o texto completo a través desta ligazón.
0 Comments