Site icon VINCUSYS

Por que a túa empresa ten que ser diferente?

empresa diferente

Revisado o 02/02/23 — A raíz da nosa entrada no sector inmobiliario, un sector que está vivindo un momento complicado os últimos anos, reafirmámonos no que sempre comentamos aos nosos clientes: “a túa empresa ten que ser diferente”.

Cando estás nun eido que se move moi rápido e cunha competencia particularmente agresiva, é aínda máis importante que os teus clientes actuais e potenciais vexan en ti unha empresa:

  1. De confianza.
  2. Próxima.
  3. Resolutiva.
  4. Innovadora.
  5. Que se reinventa.
  6. Con capacidade de autocrítica.
  7. E, sobre todo, eficaz.

Pode que che interese ler este post sobre márketing inmobiliario para poñer en funcionamento ideas para a túa empresa:

Falamos de márketing inmobiliario con Jacobo Blanco, de Capitel Ksa

De confianza

Para que a relación co teu cliente sexa duradeira, é fundamental que se basee na confianza, sobre todo cando falamos de sectores especialmente sensibles como o inmobiliario —o teu cliente vaise basear no teu criterio para seleccionar o fogar da súa familia—, o médico —o teu cliente vai poñer a súa saúde e incluso a súa vida nas túas mans— ou o legal —non fai falta explicar as repercusións que pode ter un mal servizo legal—.

Próxima

Unha relación “de ti a ti”, na que o cliente se sinta cómodo para falar contigo, transmitirche as súas inquedanzas e ti poidas darlle solucións profesionais a medida, acordes coas súas necesidades.

Resolutiva

Que o teu cliente saiba que se ten un problema ti lle vas buscar unha solución, non ten prezo. Ser resolutivo non é sinxelo, pero o teu coñecemento do sector, dos procesos e dos tempos, axudará en grande medida nesta tarefa.

Innovadora

Facer cousas distintas, saír dos canons habituais, propoñer ideas novas, procesos novos, solucións novas… pode que che leve tempo apertar o cerebro para encontrar estas solucións, pero sen dúbida o teu cliente agradecerá que saias do “sota, cabalo e rei” do sector.

Que se reinventa

Falamos de negocios que implantan solucións novas, medidas novas, procesos novos. Implantar canles de comunicación fluída cos clientes, automatizar procesos, incorporar novos servizos segundo cambia o mercado e o sector…

A importancia da empatía na venda

Con capacidade de autocrítica

Saber recoñecer os teus erros é unha virtude, porque a maioría das persoas -e das empresas- non son quen de ver a necesidade de escoitar aos seus clientes e recoñecer os seus fallos. Partimos da base de que todos somos humanos e todos nos equivocamos. Pero o que marca a diferenza é saber recoñecelo e buscarlle unha solución.

Eficaz

Poñémolo de último pero non é por orde de importancia. Está claro que, se alguén contrata os teus servizos, é porque quere unha solución a algo que non pode solucionar el por falta de tempo ou falta de cualificación. Neste punto pódeche axudar moito ser unha persoa ordenada e metódica  e, sobre todo, ter unha comunicación fluída co teu cliente. De nada serve que fagas moitas cousas se non llas comunicas porque o teu cliente non as porá en valor.

Sobre atención ao cliente, pode que che interese ler este post:

Os erros máis frecuentes en atención ao cliente

Entón… Por que tes que ser un negocio diferenciado?

Cando un cliente chama á túa porta é altamente probable que tamén chame á da túa competencia. Por que vai quedar contigo se fas o mesmo ca ela?

Dar valor engadido ao teu traballo e, en definitiva, marcar a diferencia fronte a túa competencia é fundamental para destacar e ser cabalo gañador.  Pénsao en ti mesmo: por que vas a un bar e non a outro? Por que vas a un perruqueiro e non a outro? Por que escolles este avogado e non outro?

Como podes conseguir ser unha empresa diferente?

Escoita: o teu cliente vaiche transmitir as súas inquedanzas e necesidades. Saber que quere, que precisa e como podes axudalo é tan fácil como escoitalo. El mesmo vaiche resolver o misterio.

Innova: le libros, páxinas e blogs do teu ámbito, acode a eventos do sector, segue á túa competencia, coñece a forma de traballar do teu sector noutras cidades…

Arrisca: somos moi fans da frase de Einstein que dicía “se queres resultados distintos non fagas sempre o mesmo”. Un pouco de risco calculado pode traerche grandes beneficios. Calculado, porque non se trata de ser tan rompedor que xeres desconfianza, pero si de aplicar pequenos cambios e medir o seu efecto no teu público.

Se tes dúbidas e precisas a nosa axuda, non dubides en contactar connosco 🙂

Exit mobile version