Site icon VINCUSYS

Tres claves para escribir artigos atractivos

articulos efectivos copywritting agencia de marketing galicia

Internet é, sen dúbida, un dos maiores avances tecnolóxicos na historia da humanidade. Se estás lendo estas liñas significa que a rede forma parte do teu día a día. Como a través de Internet somos capaces de comunicar calquera tipo de información, é preciso coñecer as claves, que ten de diferente a escritura para a rede de redes. Para isto, propóñoche comparar a forma de escribir artigos atractivos para blog con, por exemplo, o modo de facelo na prensa tradicional. Non quero con este artigo entrar no debate de que medio é mellor, senón ofrecer tres claves para que os teus artigos sexan cada vez máis atractivos e cheguen a máis lectores.

Identifica ao teu público

Adecúa os contidos de forma que poidan ser entendidos por tódolos teus potenciais usuarios

Resulta fundamental en calquera aspecto da nosa vida (a publicitaria, a información, o mundo empresarial, etc.), pero máis se cabe na rede. A oferta en Internet é tan ampla que ter presente a quen nos diriximos é fundamental. Cando un escribe para un xornal tradicional editado en España, non ten que preocuparse por se o seu contido vai ser consumido en Latinoamérica. Porén, cando escribimos para a rede, si debemos ter en conta este tipo de factores, polo que é necesario adecuar os contidos de forma que poidan ser entendidos por tódolos nosos potenciais usuarios.

https://www.vincusys.gal/blog/quero-escribir-un-bo-artigo-pero-non-sei-como-comezar-como-escribir-un-bo-artigo/

O estilo é fundamental

A mellor forma é combinar estruturas breves e sinxelas con outras máis longas

Internet ofrécenos todo o espazo do mundo, pero non por iso debemos apropiarnos del. Procura que os teus textos conteñan a información necesaria para lograr escribir artigos atractivos, pero lembra que o bo se é breve é dúas veces bo. Non por dispor dun número ilimitado de caracteres temos que fatigar ao noso público con grandes textos que, moi posiblemente, non chegarán a ler enteiros. En canto ao tamaño das frases, o que mellor funciona na rede é a combinación de estruturas breves e sinxelas con outras máis longas. Non necesitas escribir como un robot, pero atopar o equilibrio será o teu mellor aliado.

Presta especial atención aos titulares

Os titulares son, tanto para as informacións publicadas en papel como na rede, a mellor oportunidade para que o noso contido sexa lido. Se algo permite a rede é apelar en maior medida a aquel que se atopa ante a pantalla, algo que rara vez é posible nun xornal. De feito, este tipo de fórmulas funciona moi ben para enganchar aos lectores. Lembra que contan cunha oferta extensa na rede. Pode que outro estea a falar do mesmo tema ca ti, así que o teu obxectivo debe ser facelo de forma máis atractiva.

Para que os teus titulares sexan efectivos, intenta dirixirte directamente aos teus lectores para que se sintan interpelados e interesados.

Foto: CollegeDegrees360

Exit mobile version