O deseño gráfico é unha disciplina en constante evolución que está influenciada polos cambios na nosa sociedade. Unha das tendencias máis duradeiras neste campo é a do minimalismo. A primeira vista, pode semellar unha forma sinxela de deseño. Porén, a súa filosofía é moito máis profunda e complexa.
O deseño minimalista baséase na idea de que menos, é máis. É un enfoque que elimina todo o superfluo, deixando o esencial. Isto non significa que sexa simple, trátase de atopar a beleza na sinxeleza e en utilizar o espazo de xeito intelixente.
Xurdiu nos anos 60 e foi acuñado por Richard Wollheim nun artigo da revista Art Magazine. Apareceu por primeira vez en Estados Unidos como resposta directa á posguerra, como unha especie de rebelión en contra do expresionismo e do pop art. Esta corrente réxese por uns principios:
- Simplicidade: o obxectivo é reducir o deseño aos seus elementos máis básicos. Isto pode implicar o uso de formas xeométricas simples, unha paleta de cores neutra e unha tipografía que priorice a claridade e a lexibilidade.
- Funcionalidade: cada elemento debe ter un propósito claro. Non hai oco para accesorios innecesarios, a funcionalidade convertese na máxima prioridade.
- Espazo negativo: o espazo negativo, a área en branco que non está ocupada por ningún elemento visual, é crucial no minimalismo. Permite que os compoñentes do deseño respiren e destaquen sen distraccións.
- Tipografía clara: a elección da fonte de texto é vital. Debe ser limpa, lexible e non ter adornos excesivos.
Minimalismo en márketing e publicidade
A corrente minimalista non só é unha tendencia estética, tamén ten un impacto significativo na forma na que as marcas se comunican coa súa audiencia. En márketing e publicidade, un deseño claro e directo pode ser moi eficaz, especialmente nun momento no que a capacidade de atención das persoas é cada vez máis baixa.
A claridade do minimalismo pode axudar a destacar a mensaxe principal sen distraccións. Este é un aspecto fundamental en publicidade para espertar rapidamente o interese do usuario e comunicar de maneira eficaz.
Ademais, esta tendencia se asocia xeralmente á sofisticación e á calidade. Por iso, as marcas que utilizan este estilo poden chegar a semellar máis modernas e de alta gama.
En termos de deseño web e aplicacións, pode mellorar a experiencia de usuario ao facer que as interfaces sexan máis intuitivas e fáciles de navegar. Por non falar de que os deseños minimalistas son versátiles e poden adaptarse a diferentes formatos sen perder eficacia.
Para aplicar este estilo de maneira efectiva, é importante entender como equilibrar a simplicidade coa funcionalidade. Algo que pode parecer fácil, pero que require dun gran coñecemento do uso do espazo. Hai algúns consellos a ter en conta, como eliminar todo o innecesario ou utilizar unha paleta de cores nas que predominen os brancos e os grises.
Algúns exemplos de éxito
Este tipo de deseño gañou terreo estes últimos anos e moitas empresas incorporárono ás súas imaxes de marca e estratexias. De feito, unha das tendencias actuais é a simplificación dos logotipos, que foron abandonando elementos, como textos innecesarios ou texturas, en favor dunha aparencia sinxela e fácil de recoñecer.
Un exemplo claro de éxito é o de Apple, cuxa estética minimalista foi unha parte central da súa identidade. Os seus anuncios e produtos caracterízanse por un deseño limpo, funcional e elegante. Por non falar do seu logotipo, unha mazá mordida, que xa forma parte da cultura popular de hoxe en día.
Outro exemplo é o xigante do café Starbucks, que simplificou o seu logo, eliminando os detalles innecesarios para crear unha imaxe máis recoñecible.
https://www.vincusys.gal/blog/logotipo-isotipo-imagotipo-e-isologo-cales-son-as-suas-diferencias/
O minimalismo é moito máis que unha tendencia, é unha filosofía atemporal que invadiu o deseño gráfico actual. Nós podemos axudarte a renovar a túa identidade de marca seguindo esta corrente e a xerar contidos acordes con ela. Só tes que contactar connosco e aconsellarémosche.