Non podemos estar máis en contra da explotación laboral, sexa a asalariados, autónomos ou traballadores que, por circunstancias persoais, non poden non aceptar un traballo en negro, eses que sofren a explotación máis lamentable e denigrante. Dende que comezou a crise, os niveis de abusos deste tipo medraron ata límites insospeitados.
Cando podíamos crer que tocaran teito, non o fixeron. Grandes e pequenas empresas aprovéitanse da precariedade que sofren millóns de persoas agora no noso país para conseguir por prezos irrisorios, terceiromundistas e propios do peor explotador, traballos que deberían estar asignados a un profesional que goce dunhas mínimas «comodidades» por desenvolver as tarefas que lle encomendan. Agora mesmo, un salario digno, un prezo digno por un traballo, converteuse nun privilexio.
#EuNonRegaloOMeuTraballo, cobro dignamente polas horas que traballo.
Como axencia, realizamos traballos para outras empresas e algúns deles veñen de portais de ofertas para autónomos ou empresas como Infofreelance ou Infojobs. Estamos absolutamente convencidos de que para que a sociedade funcione dunha forma saudable, todos os traballos deben ter unha remuneración e unhas condicións dignas. Por iso, non nos cortamos en denunciar as ofertas que non os teñen: #EuNonRegaloOMeuTraballo.
Aínda que non seguimos todos os portais de emprego ou ofertas para empresas e autónomos, só unha porcentaxe mínima deles, cremos que todos deberíamos denunciar este tipo de ofertas que son denigrantes para un traballador. Imos poñer dous casos reais que denunciamos ultimamente e animámosvos a que, en caso de que observedes outros, fagades o mesmo. No caso de Infofreelance, tes opción de denunciar unha oferta e explicar a razón e normalmente cando é por un caso de prezo insultante, tenden a retirala, polo menos baixo a nosa experiencia. Ademais, compartimos en Twitter a oferta para que á empresa en cuestión lle caia a cara de vergonza.
Oferta de traballo Infofreelance
A semana pasada, en Infofreelance buscaban un publicista que, por menos de 10 euros á hora, fixera un folleto publicitario para unha empresa.
Tendo en conta que hai que descontar o IRPF a eses menos de 10 euros que toda empresa ou autónomo está obrigado a pagar, a canto lle sae a hora de traballo ao profesional en cuestión? 5 euros quizais?
Pareceunos indignante e consideramos que se todos denunciamos este tipo de abusos ao final conseguiremos algo. A unión fai a forza e non podemos permitir que se aproveiten da necesidade das persoas para conseguir traballo profesional a un prezo irrisorio.
Agora mesmo un salario digno, un prezo digno por un traballo, converteuse nun privilexio.
Aínda que é certo que Infofreelance nos escribiu dicindo que retirara a oferta, non entendemos que chegue a publicala cando todas as ofertas pasan un proceso de análise antes de facerse públicas.
Non é un caso illado. Constantemente atopamos este tipo de ofertas nestes portais.
Outra oferta de Infojobs
Hoxe mesmo procediamos a denunciar unha oferta publicada en Infojobs.
Neste caso, querían un corrector de libros que, ademais, entregara o traballo nun prazo de tres días maquetado para imprimir. O prezo por páxina no mellor dos casos é de 1,11 euros (sae de dividir 250 euros de oferta máxima entre 224 páxinas que ten o libro en cuestión) e no peor, de 22 céntimos.
Canto tempo leva corrixir e maquetar unha páxina para un libro? 22 céntimos? Porque hai que recordar que a ese prezo hai que descontarlle o IRPF de novo. Falamos de prezo bruto. Canto cobra finalmente o corrector/maquetador? Pois menos dun euro no mellor dos casos e menos de 20 céntimos-páxina no peor.
Non podemos consentir este tipo de abusos. Insistimos na necesidade de que todos nos comprometamos co resto de traballadores e nos queixemos ao portal que publica a oferta e/o empreguemos as redes sociais para poñer a cada un no seu sitio.
Con este artigo, non esperamos nin pretendemos amañar o mundo, pero si animar á xente a entender que o traballo de todas as persoas, sen excepción, debe ter unhas condicións dignas, que a profesionalidade se paga e que non podemos admitir que se nos menosprece desta forma. Os grandes cambios comezan con pequenos xestos.
Foto: FirmBee