Site icon VINCUSYS

Principais tendencias en márketing dixital e deseño web 2018

principales tendencias marketing digital 2018

Damos a benvida ao 2018, un ano que virá con grandes novidades e no que os que nos dedicamos ao márketing dixital teremos que seguir actualizándonos. Repasaremos as principais tendencias en márketing dixital e deseño web 2018. A tecnoloxía e os usuarios seguirán sendo protagonistas este ano.

Principais tendencias en márketing dixital 2018

1. O móbil: rematou o tempo para aqueles que non apostaron polo móbil. Se queres ser coñecido ou vender na web, debes aceptar que os usuarios fixeron do smartphone a principal ferramenta para estar conectados. O desenvolvemento da tecnoloxía permitiu que se poidan facer todo tipo de xestións cos dispositivos móbiles. Segundo IAB Spain, a penetración do smartphone roza o 100 % en todas as idades ata os 45 anos. É por iso que no 2018 se debe prestar especial atención ás accións que buscan impactar a través deste tipo de dispositivo.

En España, a penetración do smarthphone é do 97% entre os usuarios de Internet, polo que debemos prestar moita atención á adaptabilidade.

2. Contido: como levamos apostando polo contido moitos anos, hai un exceso de información que pode confundir ao usuario. Debemos dar especial relevancia a un contido de calidade e que achegue especial valor ao noso público obxectivo. Os contidos deben ser sinxelos, personalizados e relevantes. É recomendable que quen xere contidos sexa un copy creativo: alguén con experiencia creando contido orixinal e de calidade en vista a atraer lectores.

3. Redes sociais: Facebook segue estando no alto, contando cun gran número de usuarios. Instagram seguiu o seu enorme crecemento durante 2017 e preséntase coma unha rede social con gran atractivo para branding e vendas no 2018. Unha das tendencias en márketing dixital deste 2018 será a aposta por esta rede. Ademais, o denominado social messaging cobrará importancia. Consiste en utilizar as redes sociais para comunicarse directamente co usuario, por exemplo, a través dun chat. Asemade, o auxe dos bos axudará ás empresas a sacar máis partido desta tendencia.

4. Personalización: referímonos ao que se coñece como deep learning (aprendizaxe profunda). É un concepto moi ligado ao e-commerce e o big data. Ter un maior coñecemento sobre o usuario permítenos facer recomendacións en base aos seus gustos. Exemplos disto son os sistemas de recomendación de plataformas como Amazon, Netflix ou Spotify que, en base á experiencia do usuario, suxiren novos produtos.

5. Flexibilidade de envíos: os e-commerce estanse adaptando aos hábitos dos consumidores que, cada vez máis, demandan diferentes opcións de entrega. Por iso as tendas on line tratan de ofrecer diversas alternativas como o envío nun día pagando un suplemento ou o envío gratuíto agardando máis tempo. Tamén o lugar de entrega se ve afectado, os usuarios esixen ter a opción de recibir a súa compra non só na casa, senón na oficina ou na tenda.

As tendencias no deseño web que veremos en 2018

1. Ser responsive ou morrer: que a túa páxina sexa responsive significa que o contido se mostrará de forma óptima en todos os dispositivos a través dos que acceda o usuario e non só dende ordenador. É máis, dende 2015, Google penaliza todos aqueles sitios web que non teñan un deseño responsive cunha menor visibilidade en buscadores, empeorando a posición web. É a consecuencia do primeiro apartado das principais tendencias en márketing dixital comentadas anteriormente. Se cada vez máis os usuarios utilizan o móbil para buscar información, a web ten que ser deseñada para móbil (mobile first) e responsive, é lóxico, non?

2. Sinxeleza: hai que facilitarlle o traballo ao usuario. Ordenar a páxina e mostrala de forma sinxela axuda a unha mellor experiencia do usuario navegando pola nosa web. Deseños limpos cunha tipografía sinxela axudan a centrarnos no obxectivo da páxina. Debe haber harmonía entre a páxina, o nome e o logo da empresa.

3. Adeus aos sliders: no seu lugar, búscase unha imaxe de ancho completo que resulte atractiva e que sexa a portada do sitio web. Os botóns sinxelos e a tipografía creativa tamén se puxeron de moda, buscando chamar a atención polos ollos.  Haberá que prestarlle atención ao auxe do vídeo no lugar do texto, que combina moi ben con esta tendencia de páxina sinxela e visual.

Este foi un pequeno resumo do que atoparemos este ano. En VINCUSYS afrontámolo con moitas ganas para poder seguir medrando da man das empresas que confían en nós como a súa axencia de comunicación e márketing en Santiago de Compostela. Para calquera consulta, non dubidedes en contactar con nós.

Fotos: Pixabay

Exit mobile version