Site icon VINCUSYS

Sofres das costas e as cervicais? Coñece os beneficios do pilates

Santiago de Compostela Nanopilates 1080x675 1

A maioría dos profesionais do márketing dixital pasamos moitas horas sentados fronte un ordenador e, coma nós, centos de miles de españois cada día. Falamos cun monitor de pilates para que nos explique cales son os beneficios do pilates para os que pasamos tantas horas sentados.

Leonardo Veres é monitor de pilates e socio de ANPROP (Asociación Nacional de Profesionales del Pilates), que implica poder acreditar 200 horas como monitor. Cursou múltiples especializacións, entre as que están Anatomía aplicada ao método Pilates, Psicomecánica do Pilates, Estabilización e Core, Percepción e movemento, Columna Vertebral e Fascia, Pilates académico ou A cintura escapular. Asiste habitualmente a eventos internacionais para seguir moi de cerca a grandes do sector como Rael Isacovich, Zoe Queally, Malcolm Muirhead, Gloria Gastmiza, Atlasterapia, Gideon Abrahani, etc. A súa ampla formación convérteo nun gran coñecedor dos beneficios do Pilates. Actualmente, dirixe o centro Nanopilates, situado na zona vella compostelana, na rúa dos Basquiños 59 de Santiago.

1.- Canto tempo levas traballando practicando pilates? E como profesor?

Practicando levo uns 20 anos, comecei en Santiago debido a problemas de costas cando aínda ninguén coñecía o que era o Método Pilates e sentoume tan ben que me enganchou e decidín quitar o título de monitor. Ao final, deixei o meu traballo nunha empresa para dedicarme de cheo ao pilates.

2.- Como definirías o pilates a unha persoa que nunca o practicara?

Son unha serie de exercicios físicos para todo tipo de público, tanto masculino como feminino, e de todas as idades e consiste en aumentar a forza abdominal, mellorar a flexibilidade, a postura corporal, fortalecer glúteos e costas. Todo isto baseado nuns principios entre os que figuran a respiración, o control, a fluidez, a concentración, o centro e a precisión.

Beneficios do pilates

3.- Por que consideras que é tan bo practicalo?

Pola súa inmensa capacidade de reeducar a postura corporal, fortalecer e tonificar os músculos, sen aumentar o seu volume, conséguese un corpo harmónico, forte e saudable.

Os beneficios do pilates son moitísimos: ten unha inmensa capacidade de reeducar a postura corporal, fortalecer e tonificar os músculos e un poderoso efecto antiestrés.

4.- Que beneficios aporta a curto, medio e longo prazo aos que pasan gran parte do día sentados?

Os beneficios do pilates son múltiples: axuda a corrixir os malos hábitos posturais, sobre todo na zona lumbar e na cervical, o que causa fortes dores de costas, de cervicais, de cabeza, de ombros, etc. Tamén ten un poderoso efecto antiestrés, porque aporta vitalidade ao corpo e á mente, axuda ao sistema nervioso, circulatorio e respiratorio.

5.- Que rutinas recomendas a persoas que habitualmente levan unha vida sedentaria?

Recomendaría que dedicasen un pouco tempo do seu día a día a facer algún tipo de exercicio físico, como andar, ioga ou pilates. Incluso nos seus postos de traballo, cada dúas horas facer unha pausa de 5 minutos para dedicarse a facer uns pequenos estiramentos que á longa lle van a axudar a prever as dores que antes comentamos.

6.- Que conseguen os que van ao teu centro?

O que máis me satisfai como profesional do método pilates é ver como a xente ao cabo dunhas poucas sesións dáche as grazas, diche que se atopa inmensamente mellor das súas doenzas, síntese máis alegre, durme mellor. En xeral, consegue unha calidade de vida moito mellor.

Emprendemento

7.- Como xurdiu a idea de montar o teu propio espazo para o pilates?

Despois de varios anos dándolle voltas e pensándoo moito, porque a situación económica tanto persoal como do país en xeral non era a máis desexada por todos, decidín montar o meu propio estudo porque cando es feliz co teu traballo e o que máis desexas é traballar disto, porque ves que realmente estás axudando á xente a mellorar a súa calidade de vida, es capaz de asumir os posibles riscos, as satisfaccións que levas día a día compensan todo o demais. Ademais, eu son dos que pensa que se queres podes e que se non o intentas nunca saberás se o conseguirías.

8.- Cales son os retos que tiveches que afrontar como emprendedor? 

O reto máis grande foi a burocracia, eu facilitaría máis a calquera emprendedor todo o tema de papeis para que non supoña unha dificultade engadida. Despois do amaño do local para deixalo acondicionado ao meu gusto e en condicións óptimas para a práctica do pilates.

9.- Que acollida tivo no barrio?

A acollida foi moi boa, a xente do barrio acolleume dun xeito fantástico, dende aquí teño que agradecerlle a todo o mundo a súa colaboración e axuda para facerme sentir tan orgulloso e darme tanta enerxía e ánimo para levar o proxecto adiante.

10.- En que proxectos te atopas agora?

Entre os meus proxectos de futuro está o dedicarme tamén a formar monitores de pilates, espero ter todo a punto para poder comezar en xaneiro, quero dar unha formación de calidade e a un prezo accesible, porque ás veces ves cursos por aí que te espantan. Tamén quero comezar a impartir seminarios de fin de semana a especializacións para xente xa profesional do pilates.

Se queredes contactar con Leonardo, podedes facelo vía nanopilates@gmail.com ou chamando ao 981 103 374.

Exit mobile version