Site icon VINCUSYS

Aprende a usar TikTok con TikTok Academy

Aprende a usar TikTok con TikTok Academy.

Ter presenza en redes sociais é unha obrigación para as empresas de hoxe en día e deben saber como utilizar as máis populares, para sacar o maior proveito. Con esta idea en mente, apareceu TikTok Academy, unha plataforma para aprender a usar TikTok pensada para marcas. 

Antes de continuar, imos explicar que é exactamente TikTok. Trátase dunha rede social nacida na China no 2017 que se centra en crear e compartir vídeos, xeralmente de curta duración, pero que xiran ao redor do entretemento. Os usuarios de todo o mundo son os creadores de contido dentro da aplicación, o que causa que no seu catálogo haxa moitos xéneros diferentes.

Esta descrición coincide con outras plataformas do mercado máis coñecidas como, por exemplo, YouTube. Entón, que fai diferente esta app do resto? O tema é que TikTok ten unha arma secreta: unha intelixencia artificial que estuda cada persoa para recomendarlle os vídeos que mellor se axustan aos seus gustos. 

Desta maneira, a rede amosa a cada usuario unha cousa distinta e personalizada, para asegurar que pasa o maior tempo posible consumindo contido nela. Engancha á xente para que se pase horas e horas vendo vídeos sen parar. O que explica por que, sobre todo, asombrou aos máis mozos, que teñen horas mortas que gastar. 

A popularidade da aplicación chinesa non fixo máis que crecer nos últimos anos. Segundo o Informe Digital 2023 – España, é a quinta rede social máis empregada polos españois, cun 47,3 %. Por iso, as empresas teñen cada vez un maior interese en estar presentes en TikTok e aproveitar esta nova mina de ouro.

Ensinando a marcas

Co obxectivo de axudar a empresas e especialistas do márketing a adaptarse á rede, TikTok lanzou TikTok Academy, unha plataforma educativa on line deseñada para ensinar a crear contido publicitario na app e sacarlle o mellor partido.

Esta proposta púxose en funcionamento a nivel europeo e busca que tanto empresas como axencias se familiaricen con TikTok for Business, o seu programa de publicidade dentro da aplicación, e constrúan anuncios máis atractivos.

Na presentación de TikTok Academy, a rede afirmou que o seu obxectivo é “brindar sólidas oportunidades de aprendizaxe para axudar aos equipos a converterse en expertos en márketing de TikTok ao proporcionar non só os “como” de TikTok, senón tamén os coñecementos clave que permitirán a excelencia creativa e de medios na plataforma”.

O programa está pensado para perfís moi diversos, sexan principiantes ou expertos na app, e de tódalas disciplinas e funcións posibles. Así, cobre a tódalas marcas e axencias de márketing, independentemente do seu tamaño, e ensínalles os coñecementos para destacar e producir os mellores anuncios.

As persoas que se inscriban en TikTok Academy encontrarán unha lista de cursos virtuais deseñados para converterse en auténticos expertos de TikTok a través dunha experiencia interactiva. Ademais, para incentivar aos usuarios, cada vez que completen un curso, outorgaráselles unha insignia conforme o fixeron.

Neste momento, a plataforma conta con dúas leccións. A primeira, chamada Curso 101, é unha introdución global a TikTok para anunciantes e tratan temas como a seguridade da aplicación para as marcas, as súas prácticas creativas ou que as diferenza do resto.

O segundo curso dispoñible está pensado para pequenas empresas e contén catro clases para axudarlles a iniciar a súa viaxe dentro da app.

Para coñecer máis información sobre as cifras de TikTok e outras redes sociais, podes consultar o noso artigo:

https://www.vincusys.gal/blog/estudio-de-redes-sociales-2022-whatsapp-e-instagram-son-as-preferidas-e-tiktok-medra/

Problemas no paraíso dixital

Fai unhas semanas, anunciouse que a Unión Europea e Canadá seguirían os pasos de Estados Unidos e vetaron o uso da app nos dispositivos oficiais de políticos e organismos diversos. 

E a razón débese a que a política de privacidade de TikTok leva causando sospeitas polo posible roubo de datos por parte do país oriental. De feito, en EEUU levan anos tentando vetar a rede social no seu territorio por completo e anunciaron un ultimato, afirmando que se queren seguir operando no país norteamericano, deberán vender a filial da empresa e desentenderse do país oriental por completo.

Iso si, a app china non quedou quieta e leva varios meses asegurando que cambiará estas políticas para que estean máis a gusto de Occidente.

Confía nos profesionais

TikTok Academy preséntase como unha ferramenta moi útil para os negocios e os profesionais de márketing que queiran familiarizarse coa rede social. Os interesados poden rexistrarse a través deste enlace e descubrir o que ofrece o programa.

Pero realizar campañas en redes sociais non é tarefa fácil, por moitos cursos en liña que haxa. Por iso, o mellor é sempre confiar en axencias de márketing para que xestionen os teus perfís e saquen o mellor proveito da túa marca.

Exit mobile version