Meta anuncia plans de pago para WhatsApp, Instagram e Facebook que permitirán acceder a funcións exclusivas e máis opcións de personalización. O custo oscilará entre os 2,5 € para WhatsApp e 3,5 € para Instagram e Facebook, e empezará a probarse esta semana en Arabia Saudita, Marrocos, Tailandia e Bangladesh, sen coñecerse aínda cando se implantará no resto de mercados, incluído España.
Esta novidade foi anunciada nun vídeo publicado pola xefa de produto de Meta, Naomi Gleit, onde explica que estas subscricións premium ofrecen xeitos “máis ricos para expresarse e conectar”.
A modalidade Plus promete maior capacidade de decisión e espazo creativo para creadores de contido, perfís de empresa e usuarios de Meta IA a través de ferramentas coas que realzar a súa presenza, potenciar contido, automatizar tarefas e protexer a súa marca.
As funcións específicas que se incluirán en cada plataforma aínda se descoñecen, pero espérase que en Instagram inclúan a opción de alongar as historias máis de 24 horas, consultar quen miran as historias máis dunha vez, crear listas de audiencia limitadas ou dar un ‘superlike’.
En WhatsApp, os engadidos virarán máis ao redor da personalización, coa posibilidade de elixir entre unha ampla paleta de cores, fixar ata 20 conversacións, acceder a stickers exclusivos e bibliotecas con tons de chamada e iconas da aplicación.
Os plans Plus non substituirán as subscricións actuais a Meta Verified, que se utiliza hoxe para a verificación de perfís nas plataformas. E para o resto de usuarios, as mensaxes e chamadas seguirán sendo gratuítos.
Polo momento, o xigante estadounidense está a efectuar probas co modelo, tal e como leva facendo desde finais de marzo. Espérase tamén que poña en marcha proximamente novas subscricións Meta One baseadas en intelixencia artificial. Estas últimas incluirán as modalidades Meta One Plus e Meta One Premium, cun custo de entre 7 e 19 €, respectivamente. As probas nos modelos con IA estarán activas a partir de xuño en Singapura, Guatemala e Bolivia.











0 Comments