Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Necesitas escoller un local para o teu negocio? Capitel Ksa explícache como

by | Abr 1, 2021 | Blog márketing | 0 comments

Falamos con Jacobo Blanco, propietario de Capitel Ksa inmobiliaria e tesoureiro de AGALIN, a Asociación Galega de Inmobiliarias, para que comparta connosco as ideas básicas que hai que ter claras á hora de seleccionar a localización ideal do local para o teu negocio.

Aínda que sempre é recomendable acudir a un experto en temas inmobiliarios, o punto de partida ten que ir acorde coas especificidades da túa empresa. Plan de negocio, plan de márketing e ideas claras e realistas en relación ao curto, medio e longo prazo axudarán á inmobiliaria a axustar a súa busca do local perfecto para ti.

local para tu empresa

Jacobo Blanco, propietario de Capitel Ksa Inmobiliaria

Neste sentido, Jacobo fíxonos unha panorámica sobre os puntos máis importantes que non debes perder de vista á hora de escoller un local para a túa empresa. Imos analizalos.

Localización

Antes de nada, fai unha reflexión sobre o grao de importancia que poida ter a localización do local para o teu negocio, de cara ao seu correcto funcionamento. Dependerá, en gran medida, do sector no que esteas. Quizais estas preguntas que Jacobo recomenda che axuden:

  • Precisas que a localización sexa céntrica ou poderías estar localizado nunha zona estratéxica por accesos, interacción con negocios da zona e prezo?
  • Tes que estar nun baixo ou o teu negocio podería ser un piso dentro dun edificio?
  • Iríache ben localizalo nunha área na que se agrupan empresas do teu sector ou preferirías ser o único para diferenciarte?
  • Vas necesitar moitas reunións ou visitas de clientes ou será residual a súa presenza?
  • Estás pensando en localizalo nun centro comercial ou nun centro de negocios?

Jacobo explica que ter en conta as túas respostas a estas preguntas é “un punto de partida moi esclarecedor” para comezar o seu traballo como axente inmobiliario porque lle axudará a cruzar a información das túas necesidades coa súa base de locais dispoñibles, tanto para a compra como para alugueiro.

Metros cadrados

Ademais da localización aproximada, ter unha idea aproximada sobre o tamaño do espazo que precisas, con realismo e valorando polo menos o curto e medio prazo, permitiralle á túa inmobiliaria de confianza buscar locais dispoñibles pola zona.

Distribución

Segundo Jacobo, a xeometría é moi importante, e amosouno cun exemplo moi claro: “se vas montar un bar, a distancia entre a cociña e barra é fundamental para evitar longos paseos que vos esgoten a ti e aos teus empregados. A organización e división dos espazos é un punto importante a ter en conta antes de seleccionar un local para o teu negocio”. Seguimos coas preguntas:

  • Cantas divisións de espazos precisas?
  • Que tamaño teñen que ter?
  • Que número de lavabos estás buscando?
  • Queres que todas ou polo menos as estancias máis importantes teñan luz natural?

local para oficina

Cantas máis preguntas e respostas fagas, máis poderás acoutar os teus requisitos. Pero, apunta o propietario de Capitel Ksa Inmobiliaria, hai que poñer uns obxectivos realistas: “se tes 400 euros para o alugueiro non podes querer unha oficina de 150 m2 na praza de Galicia de Santiago de Compostela”.

Apertura ao público

Se vas recibir visitas ou vas organizar reunións frecuentemente, debes de telo en conta á hora de buscar o local perfecto para a túa empresa. “Xa de entrada, non é o mesmo se o teu negocio está aberto ao público, como unha tenda ou un restaurante, que se recibe visitas limitadas, como unha oficina ou unha axencia de márketing. E, por suposto, se non vas recibir visitas de ningún tipo o abano de posibilidades é moito maior porque non necesitarás un espazo para reunións ou grandes inversións en decoración, de cara a dar unha boa imaxe”.

Normativa

Un dos puntos que complican máis atopar un local para o teu negocio é o das normativas. Local, autonómica, estatal, de sanidade… “Se queres montar un restaurante nunha localización que só ten licenzas de bar, en moitas localidades non vai ser posible. Podes pedir as licenzas, pero moitas veces tardan moito e non sempre vas recibir unha resposta afirmativa. Para determinados tipos de negocio é mellor buscar un local que xa estea habilitado para o que ti queiras montar alí e que xa conte con todos os permisos necesarios”, comenta Jacobo.

escoger el local para tu negocio en galicia

Prezo

Este punto xa entra dentro da parte do plan de negocio porque deberás contar cunha partida para este gasto. Neste sentido, di que é importante “poñerte unha meta realista, ser un pouco conservador, porque estamos en tempos de incerteza e crise. Moitas empresas non fan as contas antes de abrir a porta e é aí cando veñen os problemas”.

Réxime: compra ou alugueiro?

Esta é unha boa pregunta. Estamos nun momento no que a frase «comprar sae máis barato que alugar» volve a estar de actualidade. En opinión do tesoureiro de AGALIN, “que o sector inmobiliario estea máis parado que en anos anteriores permite maior capacidade de negociación a compradores e máis facilidade de venda a propietarios que decidan axustar prezos”, o que pode supor un bo momento para comprar. Pero se arriscar non é unha opción, o prezo dos alugueiros está estancado agora mesmo, así que é “unha opción igualmente avaliable”.

En calquera caso, decidas o que decidas, o mellor é escoitar o punto de vista dun profesional para que che ofreza unha panorámica e valores todos os detalles. Se queres continuar a conversa con Jacobo, podes escribirlle a jacobo@capitelksa.com ou chamalo ao 981 59 30 50.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles