A Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia convocaron unhas novas subvencións para a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal da Comunidade Autónoma.
O obxectivo destas axudas é o de mellorar a actividade de comerciantes retallistas e talleres artesáns, apoiándose na renovación dos seus sistemas electrónicos e na adquisición de novo material. Para iso, conta cun orzamento de 3.000.000 € e cada beneficiario pode recibir 17.600 € no ámbito da dixitalización e 5.600 € no da modernización.
A subvención establece dúas liñas de actuación:
- Liña de dixitalización comercial: inclúe diferentes accións, como a implantación de páxinas web, de tecnoloxía e software necesarios para que os beneficiarios realicen a súa actividade, así como tarefas de mantemento dos sistemas.
- Liña de modernización: consiste na adquisición de equipamentos propios do traballo comercial e artesanal. En concreto, de maquinaria, ferramentas ou utensilio auxiliar, ou os relacionados coa área e que melloren a calidade do produto final.
Poden presentarse a esta axuda:
- Comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que os seus domicilios radiquen dentro da Comunidade Autónoma e que non estean considerados como grandes establecementos comerciais. Ademais, deben ter menos de 20 empregados entre o seu persoal.
- Talleres artesanais que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso contrario, poden rexistrarse antes de solicitar a subvención.
Se queres coñecer todos os detalles, podes consultar o texto da convocatoria na seguinte ligazón.
O prazo de solicitudes abriu o pasado 1 de marzo a través da sede electrónica da Xunta e continuará aberto ata o 28 dese mes.
0 Comments