Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Estudo de Redes Sociais 2022: WhatsApp e Instagram son as preferidas e TikTok medra

by | Mai 31, 2022 | Blog márketing, Social media | 0 comments

Revisado o 1/02/23 – A asociación de comunicación, publicidade e márketing dixital, IAB Spain, e a axencia Elogia presentaron o Estudo de Redes Sociais 2022, no que mostran a situación das plataformas en España. Os resultados volven situar a WhatsApp como a mellor valorada e certifican o crecemento de TikTok.

O Estudo de Redes Sociais 2022 está baseado en entrevistas realizadas en abril de 2022 a dous segmentos. O primeiro inclúe mulleres e homes de 12 a 70 anos e o segundo está formado por profesionais do sector dixital de España.

Para o estudo, unha rede social debe cumprir cos seguintes requisitos: ser unha rede de contactos, ter un perfil, permitir interacións e ofrecer funcionalidades sociais para interactuar cos contidos (crear, compartir e/ou participar). Así, escolleron as seguintes para a análise:

WhatsApp, Facebook, YouTube, Instagram e Twitter son as plataformas máis empregadas en España. TikTok segue medrando cun incremento no uso de ata 5 puntos con respecto ao ano pasado. Este aumento débese, principalmente, ao tramo de idade de 12 a 17 anos, que é a primeira vez que se inclúe no estudo.

A pesar de que WhatsApp e Facebook son as redes máis coñecidas e máis empregadas, a segunda é a máis abandonada polos internautas, cunha taxa do 17 %.

A popularidade de TikTok está presente na maioría das estatísticas. Xa é a cuarta mellor valorada polos españois (7,8), superada por Waze (7,9), YouTube (7,9) e WhatsApp (8,3). Con todo, as plataformas preferidas dos usuarios son: WhatsApp (37 %), Instagram (18 %), Facebook e YouTube (11 %), TikTok (6 %) e Twitter (5 %).

A rede de orixe chinés, TikTok, pasa a segunda posición entre as que teñen maior interacción polo seu crecemento do 107 % con respecto ao ano anterior. Tamén sube nun 87 % Twitter, que se coloca en cuarta posición. Na cabeza segue Instagram e Facebook está de terceira.

Que fan os usuarios nas redes sociais?

As persoas empregan as plataformas para entreterse, interactuar e informarse e son os mozos de 18 a 24 anos os que pasan máis horas conectados. Os españois de 25 a 40 anos e de 41 a 55 céntranse tamén en seguir o mercado profesional. Atendendo ao xénero, as mulleres empréganas para inspirarse e seguir tendencias.

En concreto, os usuarios ven vídeos ou escoitan música para entreterse. Mentres, o principal método de interacción é enviar mensaxes.

Destacado en galego Estudio de Redes Sociales 2022

Aínda que agora publicamos moito contido efémero, 2 de cada 3 usuarios teñen preferencia polo duradeiro. Aparte, o formato máis consumido polos internautas é a foto (67,6 %), que supera ao vídeo por ampla diferenza (16,6 %).

A quen seguen os usuarios?

Un ano máis, as contas de amigos, familiares e coñecidos son as máis seguidas polos españois. Por iso, o contacto por chat e redes sociais como WhatsApp teñen tanta relevancia.

En segunda posición están os influencers, que suben cinco puntos con respecto ao ano pasado, xusto antes das marcas, que representan un 48 % das contas que seguen os usuarios. Os perfís das firmas son especialmente populares entre as mulleres de 25 a 40 anos e de 41 a 55.

https://www.vincusys.gal/blog/publicidade-con-influencers/

A un 60 % dos usuarios interésalles a posibilidade de ter atención cliente a través dunha conversa por redes sociais. A máis dun terzo tamén lle gusta poder comprar a través desa interacción.

Ademais, case a metade dos españois busca información nelas antes de facer unha compra. Para isto empregan Facebook, Instagram e YouTube.

Como usa cada xeración as plataformas?

A xeración Z (18 a 24 anos) é a que máis emprega as redes sociais, con prioridade por Instagram, WhatsApp, YouTube, Spotify e Twitter. A xeración Alpha (12 a 17 anos) sube a TikTok ata a terceira posición.

Mentres, entre os milenials (25 a 40 anos) destaca moito máis o uso de redes como Facebook ou LinkedIn. A plataforma de Meta baixa ata a sexta posición entre os máis novos e á sétima na xeración Z.

Os dous primeiros postos varían nas tres xeracións entre WhatsApp e Instagram. Estas dúas redes son das mellor valoradas a nivel xeral no estudo e mantéñense bastante ben con respecto ao Estudo de Redes Sociais 2021. Mentres, TikTok é a que máis medra e Facebook segue baixando, a pesar de ter boas posicións.

É importante prestar atención a este tipo de informes sobre o uso de redes sociais. Grazas a eles, podemos focalizar a nosa estratexia de márketing no noso público obxectivo.

Se precisas axuda coa túa estratexia de comunicación, contacta coa nosa axencia de márketing en Galicia!

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles