Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Miguel Seoane, de Xurdir, fálanos de storytelling

by | Abr 15, 2014 | Blog comunicación, Comunicación, Márketing | 0 comments

Miguel Seoane é filólogo, cunha longa experiencia en coordinación, redacción e edición en prensa. Traballa tamén para o mundo editorial, metamorfoseando textos anódinos en historias das que enganchan, das que fan sentir, das que encandean ao sector. Agora, é o responsable de novos proxectos de Xurdir, unha empresa dedicada ao ámbito que mellor coñece: o da comunicación. Nesta ocasión, Áreas de Formación encomendoulle a parte de storytelling do Taller de creatividade, innovación e venda emocional que organizou para o 26 de abril no seu centro de Brión.

Es filólogo, traballaches en prensa moitos anos… pensas que a escritura está infravalorada?

Non creo que a escritura estea infravalorada, os bos escritores sempre terán o seu público. O que pasa hoxe en día é que a mensaxe tende a ser cada vez máis directa. Buscamos a implicación do lector moi rápido e moitos escritores saben que, ou ben enganchan dende o primeiro capítulo ou a súa obra non terá éxito. Esta rapidez vital é boa para algunhas cousas, pero os bos escritos merecen o seu tempo.

No taller impartirás a parte de storytelling, escritura creativa. Cres que soubemos adaptarnos ás especificidades dos medios on line?

Os medios on line esixen claridade ao mostrar as ideas pero, ao tempo, concisión. É dicir, débese empregar o menor número de palabras para expresar unha idea coa maior exactitude posible. Agora ben, concisión implica densidade e non necesariamente brevidade, porque podemos caer na vaguidade ou a imprecisión, que é o que pasa con moitos escritos agora.

Que lles espera aos participantes no taller?

O que lles pretendemos ofrecer é un novo enfoque da creatividade e a innovación, para que os que asistan ao taller poidan abordar calquera temática dende perspectivas inusitadas. No que respecta á parte de storytelling, quero conseguir que os que asistan ao taller saiban emocionar ao consumidor, máis que ofrecerlle un produto ou unha marca determinada.

En que medida é necesario cambiar a forma de presentar a túa marca?

O fundamental para unha marca con vocación de futuro é conectar de forma emocional co cliente. A meta non debe ser presentar friamente as calidades do produto que queremos vender, senón que o cliente se deixe levar pola historia que lles contamos para que despois el, a iniciativa propia, lembre o produto asociado á historia.

“Quero conseguir que os que asistan ao taller saiban emocionar ao consumidor máis que ofrecerlle un produto ou unha marca determinada.”

Que cres que pode achegar o storytelling a unha empresa ou produto?

O storytelling é unha ferramenta eficaz para captar clientes e conectar de forma emocional con el, polo que a súa fidelización coa marca será moito maior.

Que é para ti o Design Thinking?

É un proceso de aprendizaxe baseado en enfoques construtivistas a través dunha metodoloxía participativa; a través dela as ideas innovadoras que se xeran son moito máis ricas, xa que a avaliación é continua.

Design Thinking, creatividade, escritura, linguaxe… van xuntos?

Calquera idea que non poidamos verbalizar non existe, pois nunca a poderemos comunicar e, polo tanto, compartir. Nun entorno de cambio permanente a creatividade é fundamental, pero, ao tempo, é básico que saibamos trasladar as innovacións aos potenciais clientes, e aquí a linguaxe e a escritura son fundamentais.

Cres que é importante rachar cos esquemas lingüísticos convencionais para captar a atención en tempos de crise?

Eu sempre lles digo aos meus alumnos e alumnas que empreguen un estilo natural. É dicir, aquel que xorde do vocabulario e do nivel lingüístico da persoa que escribe e non a través de expresións e termos prestados. A mellor forma de conectar coas emocións do cliente é sendo ti mesmo, porque do contrario presentamos unha visión distorsionada do produto ou marca que ofrecemos.

Dise moito que a crise agudiza o enxeño. De que maneira pode este taller axudar con esa tarefa?

O que pretendemos é ofrecer métodos de creación e plasmar ideas a través de diversas técnicas que xeren innovación, a través dunha metodoloxía para deseñar propostas propias, para avalialas e para, finalmente, transmitilas a través dunha mensaxe que emocione ao público obxectivo.

Que importancia lle outorgas á comunicación empresarial e de produto no camiño de crecemento corporativo en tempos de crise?

A comunicación empresarial e de produto é básica para chegar a potenciais clientes, sobre todo nestes momentos. Pero, máis que persuadir falando das características e virtudes dun produto para captar usuarios como se facía en publicidade hai uns anos, o obxectivo debe ser outro, conectar coa parte emocional do usuario.

Que achegará aos participantes a parte que impartirás ti?

Na parte de storytelling darei as claves para conectar coas persoas ás que te dirixes para conseguir que o público se sinta identificado coa nosa marca ou produto, ao provocar neles reaccións emocionais a través de historias sinxelas de compartir.

A que perfís de persoas recomendas asistir a este taller?

A todas as persoas creativas e innovadoras que queiran compartir as súas creacións e soños cos demais.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles