X, antigo Twitter, está nunha fase de decadencia. Dende que Elon Musk comprou a rede social, non parou de meterse en polémica tras polémica. Todo isto causou un éxodo masivo de usuarios á súa competencia, Bluesky, que disparou o seu número de contas en tan só unhas semanas.
Cando Musk adquiriu Twitter alá por 2022, asegurou que o seu obxectivo era converter este espazo nun que dera renda solta á liberdade de expresión e que estivera libre de bots. Dous anos despois, Twitter, agora X só foi a peor.
Os boatos, a desinformación, as teorías da conspiración, as mensaxes de odio e as intelixencias artificiais campan ás súas anchas pola rede social, que lle da cada vez máis importancia ao contido polémico e viral en busca de xerar interaccións.
Ao longo destes anos, moitas persoas abandonaron X e mudáronse a outras alternativas. Unha delas é Bluesky, un proxecto que xurdiu dentro do propio Twitter antes de que o magnate o comprara.
Como che explicamos noutro artigo, Bluesky é unha aplicación de microblogging, de publicación de mensaxes curtas. É moi semellante ao que foi Twitter no seu día e conta con funcións que che resultarán familiares, como a creación de posts de ata 300 caracteres, os hashtags, mensaxería instantánea ou a posibilidade de citar e compartir publicacións.
É unha rede social descentralizada e aberta, que lle da un maior control aos seus usuarios e á comunidade. Algo que resulta atractivo despois das restricións que Musk foi incorporando a X.
Una fuxida masiva
Pese á situación, a xente seguía presente en X. Pero todo isto cambiou moi rápido.
O peche temporal da rede de Elon en Brasil e as modificacións na función de bloqueo causaron indignación e que moitas persoas fuxiran á competencia. Pero o verdadeiro éxodo non tivo lugar ata fai unhas semanas, tras o resultado das eleccións de Estados Unidos.
A vitoria de Donald Trump, e o consecuente apoio de Musk, provocou unha fuga masiva de contas. De acordo con datos de Similarweb facilitados a NBC News, máis de 115.000 persoas desactivaron aos seus perfís o día despois das eleccións.
Por outro lado, Bluesky recibiu un crecemento insólito, con máis de 2,5 millóns de novos rexistros na semana que seguiu ao proceso electoral estadounidense, segundo unha declaración da portavoz da rede social, Emily Liu.
Hoxe en día, a súa cifra total de usuarios supera os 24 millóns e continúa a medrar. Isto consolidou a súa posición como ‘a rival’ de X, por enriba doutras alternativas como Threads ou Mastodon.
A fuxida de contas do antigo Twitter non se limitou a perfís anónimos.
De feito, todo o contrario. Un exemplo é o do diario británico The Guardian, que anunciou que deixaba esta rede social porque se converteu nunha plataforma tóxica.
Why the Guardian is no longer posting on X https://t.co/j4fRgzSYde
— The Guardian (@guardian) November 13, 2024
O xornal español La Vanguardia seguiu a súa estela e tamén marchou porque X é agora un berce da desinformación.
‘La Vanguardia’ deja de publicar tuits de forma directa en la red social X, convertida en una red de desinformación desde la llegada de Musk https://t.co/z2HlbyIIL0
— La Vanguardia (@LaVanguardia) November 14, 2024
Tamén se pronunciaron famosos como Jamie Lee Curtis, Lizzo, Ben Stiller ou Stephen King, que dixeron que empezarían a utilizar Bluesky.
https://t.co/gtQxusLvAs pic.twitter.com/TMappKyCqk
— FOLLOW @YITTY (@lizzo) November 14, 2024
Unha das últimas saídas foi a da Universidade de Santiago de Compostela. As razóns serían, novamente, a presencia de contido tóxico e de desinformación e a grande cantidade de bots que existen dentro da rede social.
A USC, logo da decisión adoptada no Claustro celebrado no día de onte, cesa a creación de contido na plataforma social X en todas as contas de tipo institucional.
— USC (@UniversidadeUSC) December 5, 2024
Todo semella ir a favor desta nova red social, aínda que haberá que observar como evoluciona para confirmar se se converte en verdadeira competencia para o xigante de X, que amasa máis de 600 millóns de perfís.
Unha de cal e outra de area para Musk
Por se esta perda de perfís fora pouco, Elon Musk decidiu meterse noutra polémica. Dende o 15 de novembro, a súa rede social introduciu un cambio nas súas políticas de privacidade que lle permiten vender a información persoal das súas contas a empresas de terceiros, para que entren modelos de intelixencia artificial.
Esta modificación realizouse ás costas dos usuarios, ao non ser comunicada directamente a eles. Como poderás imaxinar, a situación provocou o descontento de moitos.
Este non foi o único cambio que tivo lugar en X durante as últimas semanas. O 26 de novembro, Musk anunciou unha baixada de prezo da subscrición anual a X Premium, así como unha nova opción para regalar subscricións. A medida podería responder á fuga de contas a Bluesky, nun intento de reter a usuarios con esta oferta.
Subscribe to Premium! https://t.co/uknjP3gtqd
— Elon Musk (@elonmusk) November 26, 2024
Nós decidimos dar o salto e unirnos á comunidade de Bluesky. Podes seguirnos se fas clic aquí.
0 Comments