Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Celebramos os días do community manager e da publicidade

by | Xan 24, 2022 | Blog comunicación, Comunicación, Publicidade, Social media | 0 comments

Revisado o 1/02/23 – Estamos nunha semana de celebración en VINCUSYS. Dúas partes esenciais no noso traballo diario como axencia de márketing conmemóranse case á vez. Este luns 24 de xaneiro é o Día do Community Manager e este martes 25 é o Día da Publicidade.

A primeira das celebracións coincide sempre co cuarto luns de xaneiro. Houbo anos nos que a data era o 23 deste primeiro mes, unha proposta feita polo experto Jeremiah Owyang, quen vía preciso recoñecer a profesión cun Día do Community Manager.

Mentres, o Día da Publicidade ten un sentido máis clásico. Celébrase sempre o 25 de xaneiro, coincidindo así coa data na que se conmemora a conversión de San Pablo. Escolleuse a el como patrón por ser un predicador das palabras de Deus a través do diálogo e non da violencia.

A publicidade é un concepto que leva presente nas nosas vidas dende que temos conciencia. Por outra banda, o traballo do community manager é tan recente como crucial na actualidade.

As redes sociais son agora unha parte moi importante para a comunicación das empresas. A través delas, os pequenos negocios poden investir nunha publicidade eficiente para chegar a moitas persoas. Á súa vez, é unha vía na que podes dialogar para que o cliente se sinta máis próximo á marca.

Internet ofrece a posibilidade de crear comunidade. A publicidade cambiou moito nos últimos anos, xa que a sobreinformación obriga a buscar técnicas máis creativas e próximas co consumidor para que realmente atenda á túa difusión. Imos indagar un pouco máis nestas cuestións.

Día da Publicidade

Xa sabemos que a publicidade é a vía empregada para dar a coñecer un produto ou servizo e que ten como finalidade conseguir clientes. Aínda que estas seguen sendo as súas bases, as estratexias foron cambiando.

Os consumidores son agora máis esixentes coa publicidade. Esta debe ser máis creativa, orixinal, debe destacar e chamar a atención. As marcas precisan chegar ata o imaxinario das persoas e dar que falar para non ser esquecidas.

Unha vía moi empregada na actualidade é o branded content. Esta técnica está centrada no contido e non tende a incluír á marca anunciante de forma explícita ata o final. É un método entretido, moi ligado ao storytelling e consegue que o consumidor lembre o anuncio porque lle divirte ou se identifica co que conta.

https://www.vincusys.gal/blog/que-e-o-branded-content-e-que-pode-aportar-a-tua-marca/

A publicidade chegou a ser moi impersoal e masiva, polo que perdeu a súa eficacia. O concepto tivo que reinventarse pouco a pouco e, dende entón, este sector é moi cambiante. Debe adaptarse ás tendencias da sociedade e do seu target en concreto, pero sobre todo ás novas tecnoloxías da información.

Os consumidores queren saber a misión e os valores das marcas e vixían que realmente cumpran con eles. É moi bo para as firmas que os clientes se sintan identificados con elas, pero tamén é esixente. As redes son moi importantes porque permiten aos negocios mostrarse constantemente e ter unha comunicación moi persoal cos seus consumidores. A interacción entre marca e público é clave, por iso as estratexias publicitarias deben potenciala.

Isto valórase cada vez máis que, por exemplo, o prezo do produto. As persoas son fieis ás marcas nas que cren, en gran parte grazas á súa comunicación e a unha boa atención ao cliente.

Outro punto a ter en conta na actualidade é que a publicidade dixital permite unha segmentación do público. Un negocio debe ter claro a quen se dirixe e así investir nunha publicidade que sabe que rematará nos ollos do seu target. Grazas a isto é moito máis probable que o anuncio sexa eficiente.

Día do Community Manager

As redes sociais son unha vía perfecta para presentar a túa marca, pois permiten chegar a miles de persoas. De todos os modos, non serven de nada se non as usas da forma adecuada. Por iso a figura do community manager é cada vez máis importante para os negocios.

As redes son aínda máis relevantes trala pandemia polo Covid-19, xa que pasamos aínda máis tempo en Internet. É probable que moitas persoas coñezan a túa marca por esta vía, por iso debes contar coa precisión dun profesional.

Os community managers son os responsables de crear comunidade arredor dun negocio. Asemade, deben coidala e mantela, algo que non é sinxelo, pero si crucial para o negocio. Isto é un traballo que require unha especialización importante. Un profesional sabe de deseño, de comunicación, de ortografía, de trato ao cliente… son moitas as cousas a ter en conta ao xestionar un perfil.

Cada rede social é diferente. Mentres en Twitter a comunicación se centra no que escribes, Instagram está cada vez máis enfocado a vídeo. Os community managers coñecen cada característica das diferentes redes.

Outra cuestión importante é saber xestionar unha crise on line. É algo que pode pasar e debes estar preparado para iso. Saír ben parado dunha crise de reputación pode facer que a túa marca saia favorecida. Hai que ter coidado con cada cousa que digas e como a digas.

https://www.vincusys.gal/blog/por-que-e-importante-xestionar-ben-as-crises-nas-tuas-redes-sociais/

Dinamizar redes sociais leva tempo. Ao inicio podes pensar que chega con publicar un par de cousas á semana e esquecerte, pero vai máis aló. Debes planificar os contidos e ofrecer unha boa atención ao cliente con respostas rápidas e coidadosas.

Se queres atraer clientes ao teu negocio e conseguir máis visibilidade, a nosa axencia de márketing en Galicia pode axudarte en todo aquilo que precises cos nosos expertos en márketing e redes sociais.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles