Instagram desvelou novidades dirixidas a axudar aos creadores de contido. A rede social implementou unha nova métrica, as ‘views’ ou visualizacións, que será clave para medir as estadísticas das publicacións. Ademais, ampliou o límite de arquivos que se poden incluír nos carruseis. Adam Mosseri, director de Instagram, anunciou no seu perfil a chegada das ‘views’ e como se converterán nunha das métricas principais da plataforma. Os ‘reels’ xa contaban cun número de reproducións que podíamos ver, polo que este cambio estende esta forma de medir ás fotografías, carruseis, historias e directos.
Ver esta publicación en Instagram
“Queremos evolucionar para que isto sexa máis sinxelo de entender como lle vai ao teu contido independentemente do formato”, asegurou Mosseri no seu post. Desta forma, as visualizacións serán a primeira métrica en aparecer en Insights de Instagram, a ferramenta que permite coñecer diferentes estadísticas e datos de interese. As ‘views’ únense así ao alcance e a taxa de compartidos como indicadores clave para saber se as publicacións están funcionando correctamente.
O límite dos carruseis amplíase
Outro cambio que chegou a Instagram afecta aos carruseis, que agora permiten utilizar ata 20 arquivos de foto ou vídeo, 10 máis que antes. Este tipo de publicacións apareceron en 2017 e, dende entón, volvéronse moi populares. Moitos usuarios utilizan estes carruseis, baixo o título de ‘photo dump’, para resumir a súa semana en redes e compartir cos seus seguidores que fixeron. Por iso, unha das peticións máis esperadas era o de aumentar o límite de 10 fotos ou vídeos que semellaba inamovible. Esta novidade xa foi implementada na aplicación.
0 Comments