O comercio electrónico en España continúa a súa expansión, como revela o ‘Estudo de Ecommerce 2024‘ elaborado por IAB Spain. Este informe reflicte o estado actual do cibercomercio na actualidade, a súa evolución e as futuras tendencias que marcarán o futuro das compras en lina no noso país. Neste artigo, contámosche todas as súas conclusións máis relevantes.
O informe basease nunha mostra representativa da poboación española de entre 16 e 74 anos. Segundo os resultados, dos 36,2 millóns de persoas nese rango de idade, o 94 % (34 millóns) son usuarios de internet, e o 77 % deles realizan compras por internet. Esta porcentaxe mantense estable respecto ao ano anterior, o que evidencia unha fase de estabilización tras o auxe do comercio dixital impulsado pola pandemia.
Outro dato de interese que resalta o estudo é a diferencia de comportamento entre xéneros e grupos de idade. As mulleres continúan a liderar a adopción do comercio electrónico, cunha penetración do 79 % fronte ao 75 % dos homes. Aínda que a brecha reduciuse lixeiramente en comparación con 2023, segue a ser significativa.
Os mozos de entre 16 e 24 anos son o grupo que máis compra en liña, un 82 %, o que implica que recuperaron o terreo perdido en 2023. Séguenlles de preto as persoas de 25 a 34 anos, cun 80 %. A medida que aumenta a idade, a penetración do ecommerce diminúe, sendo o rango de idade de 60 a 74 anos os que menos compran na rede (74 %).
O modelo mixto de compra on line e física predomina fronte ao resto
O informe de IAB Spain resalta a preferencia dos españois por combinar compras en liña e en tendas físicas. O 65 % elixe esta opción, o que supón un aumento do 2 % respecto ao ano anterior.
Por outro lado, o número de consumidores que realizan a maioría das súas adquisicións en tendas físicas mantense estable nun 22 %, mentres que quen opta exclusivamente polas compras on line descenderon do 17 % ao 13 %.
Menor frecuencia e gasto nas compras
En canto á frecuencia, os españois están usando internet para comprar produtos e servizos menos que en anos anteriores. En 2024, os enquisados realizan unha media de 2,5 adquisicións ao mes, fronte ás 3,4 de 2023. Ademais, só un 23 % faino semanalmente, en comparación co 29 % do ano pasado. Esta tendencia tamén se reflicte no gasto medio por compra, que baixou a 69 euros, 13 menos que o anterior.
Esta diminución pode atribuírse a un comportamento máis coidadoso dos consumidores nun contexto económico desafiante protagonizado pola inflación e a incerteza financeira.
A pesar destas reducións na frecuencia, os motivos que levan aos españois a optar polo ecommerce mantéñense constantes. A conveniencia segue a ser o principal atractivo das compras en liña, citada polo 97 % dos enquisados, seguida da dispoñibilidade dun amplo catálogo e das ofertas.
Así mesmo, a confianza nas plataformas de comercio electrónico gañou terreo. Un 75 % mencionou ter experiencias positivas, o que reforza a fiabilidade da canle dixital como medio de adquisición.
En canto aos dispositivos preferidos para comprar, o ordenador é o favorito, cun 73 %. Aínda así, o seu uso diminuíu en favor dos smartphones, que acadaron o 66 %. Este cambio reflicte unha tendencia cara á compra móbil, impulsada pola comodidade e facilidade do uso das apps, especialmente entre os mozos.
O ‘Estudo de Ecommerce 2024’ mostra un mercado en fase de estabilización, cun crecemento moderado e coa consolidación de hábitos de compra tanto on line como off line. Os consumidores son cada vez máis esixentes e elixen con coidado canto gastar e como gastalo. Haberá que prestar atención a como evoluciona o mercado dixital durante o próximo 2025.
0 Comments