Revisado o 02/02/23 – Twitch é unha das redes sociais do momento, unha das que máis medra dende o seu bum en España a principios de 2020. Coñecemos esta plataforma en streaming especialmente polo seu contido de videoxogos, claramente maioritario no portal. De tódolos modos, emprégase cada vez máis para todo tipo de temáticas. Dende xornalistas, ata marcas de roupa que ensinan en directo as súas novidades, pero agora tamén se pode aproveitar para empresas.
A plataforma de Amazon ten unha enorme audiencia que ademais é moi fiel. Segundo a propia páxina de Twitch, unhas 2.500.000 persoas están vendo algo na rede social nestes intres e uns 30 millóns de usuarios entran a diario nela. Aínda que falemos de datos globais, o caso español non queda atrás.
Segundo o Estudo de redes sociais 2021, realizado por IAB Spain, Twitch é a plataforma na que os usuarios dedican máis tempo, cunha duración de 1 hora e 40 minutos. Unha cifra que supera a media xeral, que se sitúa en 1 hora e 21 minutos. Este estudo tamén sinala que é a rede social que máis está en auxe xunto a Tik Tok, xa que teñen un gran crecemento de uso.
https://www.vincusys.gal/blog/vantaxes-e-desvantaxes-das-redes-sociais/
Aínda que é certo que a maioría de contido da plataforma está dirixido a un público que segue a temática dos videoxogos, isto está mudando. Como cada vez máis persoas mostran a súa curiosidade por este formato en streaming, os intereses da audiencia tamén son máis variados.
Un preguntarase que lle ofrece a plataforma á súa empresa e que pode ofrecer nela o seu negocio. Twitch ten moitas posibilidades de creación, es ti ante a cámara con capacidade de facer ou ensinar o que queiras á túa audiencia. Aquí che explicamos algúns dos puntos máis importantes a ter en conta.
Permite unha comunicación moi persoal
Os directos en Twitch posibilitan ter unha comunicación moi persoal co usuario. Esta é probablemente a maior vantaxe que ten a plataforma sobre outras, ademais de ser a máis beneficiosa á hora de captar novos clientes. O chat da rede social está en continuo funcionamento, pois é un dos principais motivos polos que unha persoa entra no teu streaming: para comunicarse contigo.
Deste modo, podes escoitar dúbidas ou problemas de primeira man dos teus clientes e solucionalas no momento. Así, o usuario séntese involucrado no proceso de mellora da empresa e rexístranse interaccións moi interesantes que permiten fidelizar ás persoas ó teu negocio.
A isto hai que engadir que os consumidores de Twitch son unha audiencia fiel. Se realmente lle interesas ó público é moi probable que estea pendente de cando será o teu próximo directo. Os usuarios desta rede social tenden a tecer redes incluso entre eles e a coñecerse simplemente por frecuentar as mesmas canles, o que fai que se forme unha especie de comunidade ó redor do produto que ofreces.
Webinars: formación en directo
Os webinars serven para ofrecer formación sobre algún tema en concreto e as plataformas en directo son unha boa opción para impartilos, xa que podes responder calquera tipo de dubida no momento. Este formato permite ensinar a utilizar un produto, explicar cales son os seus beneficios ou simplemente mostrar conceptos sobre o teu sector.
Relacionado con este último punto, están tamén as entrevistas con expertos. Twitch é unha moi boa plataforma para levar invitados á túa canle e conversar sobre temas especializados de forma amena. É unha maneira de achegar coñecemento á túa audiencia sobre o sector, crear aínda máis comunidade e convidar a outras persoas.
Eventos on line
Outro punto interesante é que Twitch permite realizar eventos on line. Este tipo de organizacións a través de plataformas son moi interesantes pola súa comodidade e maior alcance. Podes chegar a un gran público, ademais de participar con outras empresas do sector ou incluso en eventos organizados por outros negocios.
Público mozo
Se o que buscas é chegar a un rango de idade novo, Twitch é unha gran rede social pola que comezar. O 70 % do público da plataforma ten entre 16 e 34 anos e, como xa comentamos, tende a ser unha audiencia moi fiel. Adaptando os teus directos a eles, podes chegar a ter unha gran comunidade.
https://www.vincusys.gal/blog/6-tecnicas-persuasivas-para-fidelizar-ao-cliente/
Unha posible fonte directa de ingresos
Se tes moita actividade a través de Twitch e usuarios fieis ó teu produto, é probable que obteñas ingresos extra a través da propia plataforma. Ademais do beneficio que traen consigo posibles novos clientes, podes conseguilo con subscricións á túa canle, os bits que compren os teus espectadores ou poñendo anuncios durante a retransmisión.
Chegar a destacar en Twitch non é sinxelo, pero se te interesa non desesperes. Esta rede social é moi rendible para as empresas cando conseguen ter unha audiencia fiel ós seus directos. Con constancia e un contido entretido é moi probable que ti tamén o consigas.
0 Comments