Revisado o 03/02/23 – As recensións ou reviews de produtos ou servizos son tremendamente importantes hoxe en día, tanto para os e-commerce como para as webs corporativas. Igual que te fías máis de comprar algo que che recomenda persoalmente a túa nai ou a túa irmá, é moi probable que os teus clientes vaian correndo a ler as opinións doutros antes de adquirir un produto ou servizo.
Comentarios totalmente positivos?
Ter comentarios unicamente positivos non é tan bo como semella. Pode dar a impresión de que os estás a comprar e é posible que os usuarios potenciais desconfíen. En cambio, ter a maioría deles cunha connotación positiva e unha pequena cantidade cunha valoración media ou negativa axúdache a xerar confianza. Porque, sexamos sinceros, é imposible contentar a todos os clientes de xeito unánime.
As críticas negativas tamén axudan
Poderíamos dicir que, aínda que é importante prestar atención ós comentarios positivos, é fundamental escoitar as valoracións negativas. En moitas ocasións, este tipo de opinións poden ser destrutivas e estar feitas co único obxectivo de facer dano.
Porén, outras veces a xente queixase de aspectos que realmente son posibles de mellorar. Lendo e escoitando ós teus clientes, podes atopar erros no teu negocio ou na túa xestión que se poden perfeccionar.
Obter demasiadas recensións negativas pode reflectir un problema máis profundo e, de ser así, é de vital importancia prestar atención, detectar o que se está a facer mal e mudalo canto antes.
Visibilidade da túa empresa
No ámbito dixital, o boca a boca equivale ás recensións en Internet. Contar con críticas positivas en portais coma Amazon provoca que os teus produtos sexan máis visibles e teñan máis compras. Engadilas no teu sitio web axudarache a dar máis confianza de cara ós usuarios.
Pensa que hoxe en día a xente está moi acostumada a ler a opinión dos demais. Se non permites que se valoren os teus produtos ou servizos é probable que fomentes menos a compra.
O máis importante é ter un impacto positivo en quen le a túa resposta.
Ademais, as recensións teñen efecto no posicionamento SEO. Máis aló de que os comentarios poidan incitar ós usuarios a comprar, tamén permiten que os motores de busca te poidan atopar máis facilmente. Isto xera máis tráfico á túa páxina web e terás unha probabilidade maior de obter conversións.
https://www.vincusys.gal/blog/sabes-que-din-do-teu-negocio-nas-redes-sociais/
As reviews como filtro para os consumidores
Podes pensar que queres atraer a tódolos clientes posibles, mais en realidade non é así. En Internet, compramos sen poder ver ou tocar primeiro o produto. Moitos consumidores teñen certas dúbidas que non están na descrición e van directamente á sección de opinións. O ideal é ter unha ficha de produto completa, para ser ti mesmo quen domina a comunicación sobre el. Polo xeral, moitas das dúbidas que xorden están respondidas por outros usuarios que xa o probaron.
https://www.vincusys.gal/blog/como-tenen-que-ser-as-fichas-de-produto-para-e-commerce/
Isto ten varias vantaxes: por un lado, axuda a que a xente non compre un produto que realmente non lle vai valer e, polo outro, afórrache unha recensión probablemente negativa.
A interacción cos usuarios paga a pena
As recensións de Google permítenche responder ós comentarios que os teus clientes escriben no teu perfil. Dende a nosa axencia de márketing en Pontevedra, sempre recomendamos responder de forma agradable e respectuosa.
https://www.vincusys.gal/blog/por-que-a-tua-empresa-precisa-apostar-por-google-my-business/
Se alguén escribe unha valoración negativa é posible que xa non recuperes a ese consumidor, pero cunha resposta amable podes mellorar a impresión da persoa que o vai ler. Lembra: o máis importante é ter un impacto positivo en quen le a túa resposta.
As reviews convertéronse nun elemento fundamental en Internet e a súa influencia en canto á decisión de compra aumentou co tempo. Prestar atención ó que os teus clientes din de ti neste tipo de valoracións é importante para a túa reputación e para coñecer se o teu negocio está indo ben ou se, pola contra, deberías realizar algúns cambios.
0 Comments