Twitter é unha das redes sociais máis utilizadas. Ao pensar nela, pode que o primeiro que se che veña á cabeza sexa o seu icónico paxaro azul. Sen embargo, Elon Musk decidiu dicirlle adeus e cambiar o logo de Twitter por unha letra X. Neste artigo, contámosche que aconteceu e cales serían as razóns desta transformación na súa identidade.
Para comezar, temos que remontar a finais de xullo, cando Musk anunciou unha serie de cambios que afectarían á rede e a toda a compañía. Entre eles, estarían un cambio de nome e do logotipo. Así, Twitter daría paso a X, eliminando a ave e redeseñando por completo a súa plataforma.
O empresario confirmou que, pouco a pouco, os paxaros ían desaparecendo da rede social, que se transformaría por completo para ir máis acorde coa nova etapa pola que está a pasar. Algo que, hoxe, xa é unha realidade.
— Elon Musk (@elonmusk) July 23, 2023
Este é un dos maiores cambios que sufriu Twitter en toda a súa historia. Durante as últimas semanas, a rede foise adaptando a este redeseño cambiando a súa identidade e os seus conceptos chave. Os tuits deixaron de chamarse así e pasaron a ser publicacións e o botón de ‘Retweet’ agora é ‘Republicar’.
E iso non é todo. A actual CEO de Twitter, Linda Yaccarino, falou de como isto marca o inicio dunha nova era para a web, que pasará a converterse nunha plataforma para o mercado global de ideas e que irá engadindo novas funcións centradas na mensaxería instantánea, a publicación de vídeos ou a compravenda de bens e servizos.
As razóns da transformación
O que agora pode que esteas a preguntar é, ¿por que decidiron desbotar unha imaxe tan recoñecida e ben establecida no mercado por unha letra? E a resposta é máis sinxela do que semella.
Segundo Elon Musk, a razón principal é que a rede agora pertence a X Corp, filial da súa empresa X Holding Corp e, polo tanto, debe ter un nome acorde. Quizais estás a ver un patrón e si, ao magnate encántalle esta letra e non é a primeira vez que a emprega nas súas compañías. Podémola ver, por exemplo, en SpaceX ou no Model X de Tesla.
Así pois, semella que o rebranding responde a un desexo de unificar todas as empresas de Musk baixo unha nomenclatura común.
Adeus a un icono
A perda de “Larry”, o nome do paxariño azul de Twitter en honor á estrela da NBA, Larry Bird, deixa á plataforma nunha posición complicada.
Esta ave leva acompañando a Twitter dende os seus comezos e é un dos seus identificadores principais. Desfacerse dunha marca tan icónica e cambiala por algo tan radicalmente distinto, modificando incluso o nome, podería traerlle problemas á compañía.
E é que, se o público está acostumado a asociarte con certas imaxes e as transformas por completo, sen conservar ningún elemento que te asocie con elas, podes correr o risco de que lles resulte máis difícil atoparte.
Rebelión na rede
Moitos usuarios de Twitter amosaron o seu descontento con esta decisión dende o primeiro momento e non querían que o paxaro desaparecera. E menos por unha simple letra.
Pero, parece que todo ten solución e moitos empezaron a compartir titoriais a través da rede social para cambiar a X e devolver a ave ao seu lugar.
Tutorial para cambiar el nuevo icono de Twitter de la X al pajarito de toda la vida pic.twitter.com/9dUaisPSKf
— Adrián Galindo (@galiindo13) July 29, 2023
Outros, en cambio, publicaron as súas propias versións para un novo logotipo que implementaban ao paxaro dentro desta noca nomenclatura.
🐦 X@elonmusk pic.twitter.com/jPGY1fa8Ph
— Hiroon.eth (@amirHiroon) July 23, 2023
Un futuro incerto
Twitter ou ‘X’ atópase nun momento crucial. Estas transformacións e modificacións ao longo dos meses colocárono nunha posición moi delicada e ninguén sabe que futuro lle espera e que plans ten Musk.
Por agora, terás que seguir atento para ver como evoluciona a situación. Mentres tanto, se queres redeseñar a imaxe corporativa do teu negocio, podes contactar coa nosa axencia. Estudaremos o teu caso para crear un rebranding acorde as túas necesidades e que vaia en liña co futuro da empresa.
0 Comments