Nun post anterior, falabamos dalgunhas das vantaxes das campañas de e-mail márketing, pero cal é a fórmula para construír unha newsletter atractiva que aumente as túas posibilidades de éxito? Pois ben, din que sobre gustos non hai nada escrito e pode que na rede menos. Aínda así, se tes en conta os seguintes consellos á hora de deseñar as túas campañas de e-mail márketing, os destinatarios atoparanas máis atractivas.
O asunto e o título, fundamentais
Parte da base de que os teus potenciais clientes poden ter recibido dez, vinte ou trinta correos electrónicos ao longo do día, así que tes que intentar que o teu sexa o máis atractivo. O asunto do correo electrónico é a primeira vía de atracción, polo que debes crear unha chamada de atención clara sobre o que estás ofrecendo. Algo similar sucede no título da túa newsletter, onde debes destacar a importancia da túa oferta ou o teu servizo, distinguíndoa doutras parecidas. Se logras que o destinatario abra a túa newsletter e continúe lendo máis alá do título, está un punto máis cerca de coñecer a túa proposta.
Inclúe a imaxe corporativa da túa empresa e coida o deseño
Incluír o logotipo ou o imagotipo da túa empresa na parte superior da newsletter pode axudarche dende o minuto un a posicionarte na mente do destinatario. Así, terá presente dende o comezo quen lle está falando. A presentación é outro dos piares fundamentais á hora de levar a cabo unha acción dunha campaña de e-mail márketing. As plataformas especializadas na creación e envío deste tipo de comunicacións como Mailchimp ou aWeber ofrecen múltiples posibilidades de deseño e composición. O obxectivo é claro, que poidas adaptar aquilo que envías ao que necesitan os teus potenciais clientes.
Evita os textos inmensos e os datos innecesarios
Como contabamos anteriormente, é posible que quen abra a túa newsletter teña outras moitas na súa bandexa de entrada. Se lograches que se interese pola túa grazas ao asunto do teu correo electrónico, o título e o deseño, segue facendo as cousas ben empregando a premisa do “menos é máis”. O tempo de lectura en Internet é reducido, incluso para aquelas cousas que nos poden chegar a interesar. Por iso, emprega textos breves, claros e concisos que expliquen á perfección que é o que lle estás ofrecendo a quen sente diante da súa pantalla a ler a túa newsletter.
Empezar por un texto que apele ás necesidades do potencial cliente e que explique como os teus servizos poden axudarlle é unha das mellores vías de atracción. Nunha segunda parte, podes explicar de forma máis concreta a que te dedicas exactamente ou cales son os pormenores da túa oferta.
Non te esquezas de incluír os datos de contacto
Este sería o último paso, pero non é menos importante. A parte final da newsletter da túa campaña de e-mail márketing debería conter un enlace á túa páxina web e as túas redes sociais. Inclúe tamén outros datos de contacto como a dirección, o número de teléfono e o correo electrónico. Así, os destinatarios poden poñerse en contacto contigo se desexan contratar os teus servizos ou ampliar a información sobre o contido da newsletter.
Finalmente, é conveniente facer un seguimento do percorrido das campañas de e-mail márketing poñéndose en contacto cos destinatarios das mesmas. Isto sería unha especie de segunda ronda de telemárketing. O obxectivo neste punto é comprobar cal foi o resultado da primeira comunicación (a newsletter). Así, poderemos ver o grao de aceptación que tivo, se o contido proposto era de interese e cales son os seus puntos débiles.
Foto: NY
0 Comments