A tecnoloxía avanzou a pasos axigantados durante os últimos anos. A Intelixencia Artificial está á orde do día e cada vez máis empresas utilízana para axilizar o seu traballo. Aquí entra en xogo unha ferramenta cada vez máis popular e que logrou acelerar a comunicación entre un negocio e os seus clientes. Neste post, imos contarche como pode axudar un chatbot na atención ao cliente da túa empresa.
Un chatbot é un programa ou software deseñado para recrear conversacións con humanos a través dunha interface de chat. Pode resolver as dúbidas e consultas dos usuarios, automatizar as comunicacións e integrarse en varias canles, como nunha páxina web.
Esta ferramenta funciona a través de técnicas de intelixencia artificial, como o procesamento da linguaxe natural (NLP) e a aprendizaxe automática, para interpretar consultas e responder de forma automática sen necesidade de que un humano a supervise.
O grado de complexidade dos chatbots varía en función das necesidades que cubran. Os de atención ao cliente utilízanse para solucionar cuestións e problemas repetitivos nesta área, para dar unha asistencia rápida e instantánea.
Así, poden axudar con tarefas como contestar a preguntas comúns sobre os teus produtos ou servizos, en procesos como o cambio de contrasinal ou guiar aos visitantes cara a resolución de inconvenientes sinxelos.
Beneficios de usar un chatbot
Cada vez son máis as empresas que integran estes programas nas súas webs porque ofrecen moitas vantaxes na actividade empresarial diaria.
A primeira, e quizais a máis evidente, é que os chatbots axudan a mellorar a eficiencia da túa empresa. Asisten nas cuestións máis sinxelas e frecuentes dos clientes, polo que tanto ti como os teus empregados podedes dedicarvos a atender as mais complexas sen perder tempo co resto.
Outra vantaxe é que os chatbots están dispoñibles a calquera hora do día, os sete días da semana. Ofrecen a súa asistencia en todo momento, polo que os usuarios teñen sempre un lugar ao que acudir coas súas dúbidas sen esperar ao horario de atención ao público. Isto contribúe a mellorar a satisfacción do cliente grazas a unha resposta áxil e instantánea.
Non só iso, xa que estes sistemas poden programar unha cita cun axente humano no caso de que non sexan capaces de ofrecer unha solución.
Ademais, axudan a aforrar custos. A medida que un negocio medra, a súa base de clientes tamén o fai e, con eles, as dúbidas. Estas ferramentas xestionan un volume considerable de consultas por si soas, o que reduce a carga de traballo do teu equipo e permite que continúe coa súa actividade sen ter que ampliar o cadro de persoal existente.
Por outro lado, os chatbots recopilan información a partir das súas interaccións cos usuarios e incorpórana á súa base de datos. Grazas a isto, aprenden e evolucionan para ofrecer un mellor servizo. Ademais, podes usar este coñecemento para mellorar os teus produtos e servizos.
Iso si, por moi beneficiosos que sexan os chatbots, non poden substituír a un ser humano por completo. Son softwares informáticos que teñen as súas propias limitacións e aos que debes ver como un asistente na atención ao cliente, non como un substituto ou un traballador máis.
Por exemplo, os chatbots non teñen a capacidade de axudar cos problemas complexos que estean fora da súa programación. A súa capacidade de resposta é limitada e haberá moitas cuestións que non poderán resolver sen a intervención dun membro do equipo.
Tamén carecen de emocións, como a empatía ou o entendemento. As persoas que piden axuda soen estar frustradas polas dificultades nas que se atopan e, ás veces, tratar con robots sen sensibilidade é o que menos necesitan. Isto dará lugar a unha mala experiencia e a un posible dano na reputación do teu negocio.
Por non falar de que, como sucede con calquera máquina, hai que supervisar sempre que funcionen correctamente e estean actualizados.
Con todo, os chatbots son ferramentas moi útiles no día a día dunha empresa e achegan moitas vantaxes. Se os implementas na túa páxina web, axudaranche a axilizar o proceso do servizo ao cliente, reducir custos e mellorar a túa produtividade.
0 Comments