Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Funciona a consultoría especializada para eventos sectoriais?

by | Out 31, 2017 | Axencia de comunicación, Axencia de márketing, Blog comunicación, Comunicación, Entrevistas, Eventos, Márketing | 0 comments

Con motivo da organización da xornada «Innovación UCGAL: Que e canto hai de novo?» (#InnovaciónUCGAL) apostamos pola consultoría especializada para eventos. Para iso contamos coa colaboración de Beatriz Noya, unha consultora externa especializada en I+D+i, á hora de seleccionar empresas e relatores de grandes e pequenas empresas e organizacións que encaixaran cun evento sobre innovación en alimentación. Quixemos facer unha serie de reflexións, a modo de entrevista, que poidan axudarvos á hora de apostar por este tipo de servizos para un evento de empresa.

Beatriz Noya é química especializada en química médica con máis dunha década de experiencia nesta rama do coñecemento. A súa traxectoria en investigación, descubrimento de fármaco e xestión de proxectos biotecnolóxicos en distintas empresas e organismos convertérona nunha das consultorías informadas e experimentadas en I+D+i en Galicia.

Ademais de consultoría especializada para eventos, Beatriz ofrece servizos como xerente/responsable externa de scouting (busca, exploración, prospección) & outsourcing (externalización) para I+D+i a asociacións, entidades, organizacións e outros profesionais autónomos. Axuda aos seus clientes na planificación e execución da súa estratexia de I+D+i.

Consultoría especializada para eventos

1.- Recentemente participaches na organización do evento #InnovaciónUCGAL con VINCUSYS – MARKETING | COMUNICACIÓN | TECNOLOGÍA. Cales foron os seus cometidos?

A colaboración con VINCUSYS consistiu en suxerir a quen (relator), por que e sobre que, é dicir, a razón ou razóns da súa relevancia en cada bloque temático. Nalgúns casos foi necesaria un labor de documentación previa, en outros non, pois xa os coñecía pola miña profesión. Ademais, e dende un punto de vista máis estratéxico-táctico, incluín consideracións sobre como íamos chegar a esa persoa ou organización.

2.- Por que acudiu a VINCUSYS?

O evento #InnovaciónUCGAL era a primeira xornada sobre innovación alimentaria realizada pola Unión de Consumidores de Galicia. Estaba estruturado, fundamentalmente, en catro bloques: I+D+i, produtos e produtores, formato, comercialización e venda (canles) e novas tendencias.

Os bloques 1º e 2º, especialmente o primeiro, apelaban claramente á miña familiaridade co sector biotec galego, tanto en ámbitos de investigación académica [SUG (Sistema Universitario de Galicia) e OPIs (Organismo Público de Investigación)], como profesionais do negocio [emprendedores, iEBTs (iniciativa Empresarial de Base Tecnológica), pymes innovadoras]. Estes son círculos nos que me movo normalmente, poden ser proxectos específicos ou transversais, sempre que algún dos seus pilares abranga aos campos de Ciencias da Vida, a saúde e o benestar.

No caso de VINCUSYS, e para a temática deste evento en particular, penso que esta bagaxe miña foi percibida como unha vantaxe importante. Tamén outro recurso, como é unha rede profesional de contactos (asociacións, entidades, organizacións e profesionais) a os que recorro para satisfacer as necesidades de externalización de servizos dos meus clientes, recompilar información ou chegar a contactos que non están no meu círculo de primeiro grao.

Ponentes innovacionucgal evento vincutato marketing comunicacion agencia santiago compostela

Algún dos relatores da xornada #InnovaciónUCGAL seleccionados por Beatriz Noya. Foto: UCGAL

3.- Que é o que considerou VINCUSYS que podías achegar como consultora especializada en I+D+i á organización do evento?

Lin unha vez un chío de Teresa Iglesias, directora de márketing de VINCUSYS, que unha “boa práctica” en comunicación é falarlle ao mono na linguaxe do mono (…), axustando linguaxe e nivel de contidos ao público que te dirixas. Atrévome a engadir que, se tes alguén “infiltrado entre os monos”, é dicir, alguén que actúe como interface de modo efectivo, o traballo simplifícase. En determinados institutos tecnolóxicos (sexan públicos ou privados) por exemplo, existe unha figura que é o “tradutor de (…tecnoloxía/ técnica)”, é unha figura de apoio e que pertence aos departamentos comerciais e de desenvolvemento de negocio, que son os que interceden cos posibles clientes; o seu labor consiste en explicar de modo accesible para axudar a vender os produtos e/ou servizos que ditos institutos ofrecen ao mercado.

«Márketing lixo: véndoche un pack (talla única), collo os cartos e saio correndo.»

4.- Cales pensas que foron as diferenzas entre este evento sobre alimentación e outros aos que puideches acudir?

Se ben houbo aspectos do formato-sesión que cambiaría -dúas pausas en troques dunha, por exemplo-, destacaría a excelente organización, o criterio e a visión de VINCUSYS do que tiña que ser o evento.

Eloxio o traballo previo de planificación, a coordinación, as actuacións programadas e constantes para manter unha comunicación fluída cos participantes e asistentes e evitando procrastinar. A preparación e timing da campaña de comunicación foron moi acertadas.

Como espectadora, o mesmo día do evento, opino que todo saíu segundo o previsto no programa, en boa medida grazas á profesionalidade do equipo de VINCUSYS. Tamén cumpriron enviando unha enquisa de satisfacción, o que é, no meu xuízo, un indicador de boas prácticas e demostra que se preocupan por recoller o feedback do público e mellorar os seus servizos.

Consultoría especializada para unha axencia de márketing

5.- Que cres que pode achegar un consultor especializado nun ámbito máis global, máis aló dos eventos, a unha axencia de márketing?

Unha reflexión sobre a necesidade de avaliar en que áreas é especialista a axencia que contratas, ben porque sexa o seu como porque dispón dunha rede de colaboradores de experiencia probada. As xeralistas, en ocasións, erran propoñendo campañas polo seu descoñecemento das especificidades do sector, co conseguinte prexuízo de efectividade da campaña. Neste sentido, coñezo moitos casos nos que a falta de dominio do sector derivou en campañas infrutíferas.

«Lin unha vez un chío de Teresa Iglesias, directora de márketing de VINCUSYS, que dicía que unha “boa práctica” en comunicación é falarlle ao mono na linguaxe do mono.»

6.- Que sinerxías cres que poden xurdir entre marketeiros e consultores estratéxicos a curto, medio e longo prazo?

Moitas, aínda que penso que os bos marketeiros xa teñen esa práctica asumida: establecer un punto de encontro ou plataforma na que uns e outros se complementen.

O sector do márketing en Galicia

7.- Que botas en falta no sector do márketing en Galicia?

Penso que os abundan os “re-petidores” de contidos: re-twitteo, comparto/ difundo tal cal… mais sen achegar contidos orixinais e información de calidade, nin reflexións, nin análises. Este modus operandi é lóxico ata certo punto, en profesionais non expertos en márketing, isto é, que non sexa a súa fonte de ingresos, pero non o entendo en marketeiros.

En certo modo, actitudes de “non escoita” e descoñecemento profesional do sector tradúcense en packs de comunicación enlatados que non reflicten as virtudes do cliente ou non optimizan as súas posibilidades. Eu descríboo como márketing lixo: véndoche un pack (talla única), collo os cartos e saio correndo. Penso que o máis honesto é que se un cliente ten un presuposto axustado, se lle explique que se lle poderá conseguir por ese prezo.

«Actos de “non escoita” e descoñecemento profesional do sector tradúcense en packs de comunicación enlatados que non reflicten as virtudes do cliente ou non optimizan as súas posibilidades.»

8.- Cal cres que é a materia pendente das axencias de márketing á hora de xestionar plans de márketing do sector investigación?

En liña co que acabo de comentarche do «márketing lixo», probablemente require un importante esforzo documentación e entender (tecnoloxía ou outros) e ser capaz de traducila e facela dixerible.

Ademais, tratándose de I+D, de proxectos ou negocios innovadores, a estratexia de márketing ten que axudar á diferenciación, a crear unha marca inconfundible que deixe pegada.

9.- En que proxectos estás traballando agora mesmo?

Estou traballando cun coñecido centro tecnolóxico de aquí e unha consultora de formación, ademais dos meus clientes habituais ou proxectos por obra e servizo, porque a consultoría de I+D+i é cada día máis necesaria para conseguir facer algo realmente distinto e innovador.

Se queres contactar con Beatriz Noya, podes facelo vía about.me.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles