Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Necesito unha consultoría estratéxica para o meu plan de márketing?

by | Out 3, 2017 | Axencia de comunicación, Axencia de márketing, Blog márketing, Eventos, Márketing | 0 comments

A propósito da xornada Innovación alimentaria: Que e canto hai de novo?#InnovaciónUCGAL, que organizamos xunto coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) este venres 6 en Santiago de Compostela, puidemos falar con Esther Vázquez, a primeira poñente do evento. Esther está especializada en xestión de calidade alimentaria e ofrece servizos de Interim Manager, consultoría, auditoría e formación especializados na industria alimentaria. No seu extenso currículo, tras unha licenciatura en veterinaria, figuran un montón de títulos obtidos en prestixiosas universidades nacionais e internacionais, escolas de negocios e confederacións de empresarios. Dende o seu posto de Directora de EV Consultoría Alimentaria leva axudando a empresas alimentarias a mellorar tanto os seus produtos como a súa organización interna dende 2005.

En VINCUSYS quixemos saber máis sobre ela, o seu traballo e como, cando e de que forma consigue que unha firma medre a través da consultoría alimentaria e como pode axudar un consultor a unha axencia de márketing no marco dunha campaña de comunicación para unha empresa do sector da alimentación.

1. Quen é Esther Vázquez?

Unha persoa que sinte satisfacción en axudar ás persoas e as empresas a levar a cabo mellor o seu desempeño.

2. Por que decidiches dedicarte á consultoría estratéxica?

Non me definiría como unha consultoría de estratexia aínda que o meu traballo habitualmente implique asesorar e despois levar a cabo proxectos estratéxicos para unha empresa. En todo caso, foi unha evolución. Polos meus estudos de Veterinaria comecei na área da seguridade alimentaria.

Os traballos desempeñados leváronme á xestión da calidade. Despois, fíxenme emprendedora e intereseime pola xestión de empresa. E os meus últimos estudos e experiencias teñen que ver coa mellora continua da empresa. E a partir de aquí xa adquiriches coñecementos e experiencias que che permiten pensar de forma estratéxica para ela.

3. Que servizos lles ofreces?

Para resumir e para que sexa de sinxela comprensión diría que podo axudar ás empresas en áreas e proxectos que son propios dos departamentos de calidade e seguridade alimentaria, de produción, de xurídicos especializados, de operacións e de innovación nunha industria alimentaria.

Consultoría estratéxica: beneficios

4. Cres que é necesaria a consultoría para calquera empresa independentemente do tamaño?

Calquera empresa independentemente do tamaño pode necesitar nun momento dado unha visión externa para resolver un problema; ou ben pode necesitar externalizar un proxecto nun profesional experimentado que lle garanta facer as cousas ben e á primeira.

5. Que beneficios achega a unha empresa apostar por un consultor especializado?

Aínda que pareza de Perogrullo, o que un profesional fale o teu mesmo idioma e o dos teus empregados axuda moito á hora de executar un proxecto; como mínimo gáñase tempo de execución e en motivación do persoal.

6. En que momentos empresariais consideras fundamental a figura do consultor para a asesoría?

Na miña experiencia, o principal motivo polo que unha empresa contacta cun consultor ten que ver con que a empresa carece de persoal cualificado; ou ben precisa unha opinión externa.

7. Cando cres que debe acudir a un consultor especializado o departamento de márketing dunha empresa?

En especial cando vai traballar con sectores moi regulados e especializados como pode ser o sector da industria alimentación.

«Para unha axencia de márketing, o maior beneficio de contratar a un consultor estratéxico será mostrar profesionalidade, credibilidade e seriedade nas mensaxes.»

8. Que beneficios ten para unha axencia de márketing contratar a un consultor?

Dependerá do sector e do tipo de proxecto no que vaia traballar; pero sen dúbida o maior beneficio será o de mostrar maior profesionalidade, credibilidade e seriedade nas mensaxes.

9. Cales son os principais erros que detectas habitualmente en emprendedores e startups?

A falta de coñecementos en xestión empresarial e de visión global da empresa.

10. Que lle dirías a unha empresa que deixa a súa comunicación en mans dunha axencia que non coñece ao seu sector?

O mesmo que lle diría a unha persoa que lle doia un pé e vai a un oculista: que ten mellores opcións no mercado.

11. Cales consideras que son as claves do éxito dunha empresa do sector alimentación?

As mesmas claves que aplican a toda boa empresa: observar o entorno, buscar a eficiencia e redución de custos en todos os procesos, mostrar flexibilidade, recrutar bo persoal e coidalo e colaborar con todos os stakeholders.

«Coñecer ben toda a lexislación alimentaria axuda moito á hora de deseñar e desenvolver novos produtos alimenticios.»

12. Podes explicar algún caso de éxito?

Por exemplo, coñecer ben toda a lexislación alimentaria axuda moito á hora de deseñar e desenvolver novos produtos alimenticios.

O exemplo máis sinxelo e simple que vivimos no sector alimentario foi a modificación do etiquetado de algúns alimentos no sentido de indicar mencións que non se indicaban por descoñecemento. É un exemplo que podería non responder ao concepto de innovación para moitos, pero para unha empresa pode supor aparecer nunha sección diferenciada dunha lineal.

13. Cando cres que é necesario un consultor e cando un interim manager?

Un interim manager achega unha visión global da empresa á hora de asesorar sobre as mellores opcións e non queda na fase teórica de emitir un informe, senón que se compromete a levar a cabo o proxecto de principio a fin.

Polo tanto, un interim manager é a mellor opción cando se require desenvolver e executar un traballo ben, á primeira e con garantías de éxito.

Un consultor é útil para unha asesoría puntual que normalmente acaba coa emisión dun informe.

Podedes ver en directo a Esther Vázquez e falar con ela na pausa-networking o próximo 6 de outubro no Hotel Puerta del Camino en Santiago de Compostela ou contactar con ela vía ev@evconsultoriaalimentaria.com.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles