Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Os perigos da IA: o caso da ‘Willy Wonka Experience’

by | Mar 6, 2024 | Blog publicidade, Comunicación, Márketing, Publicidade | 0 comments

O uso da intelixencia artificial en publicidade está medrando. No último ano, moitos comezaron a utilizar esta ferramenta para aforrar tempo, pero non están libres de perigos e poden aparecer casos controvertidos como o da ‘Willy Wonka Experience’.

Comecemos polo principio. Alá polo ano 1964, o escritor Roald Dahl creou ‘Charlie e a fábrica de Chocolate‘, un libro acerca do dono dunha misteriosa fábrica de chocolate, Willy Wonka, que invitaba a cinco nenos a visitala e presenciar as súas incribles creacións. Esta historia triunfou e chegou con tres adaptacións diferentes, entre as que destaca a de Tim Burton de 2005.

Con este mundo doce como referencia, House of Illuminati tivo a idea de crear unha experiencia interactiva para nenos en Glasgow, Escocia. O evento, titulado baixo o nome de ‘Willy’s Chocolate Experience’, prometía ao seu público a unha aventura na famosa fábrica, chea de coloridos decorados, fontes de chocolate, actuacións dos Oompa Loompas e unha historia baseada nos relatos de Dahl.

Un paraíso de chocolate sen chocolate

O prezo por entrada desta experiencia era de 35 libras, aproximadamente 40 euros por persoa. Para promocionala, a empresa responsable decidiu empregar a intelixencia artificial para xerar imaxes coloridas coas que atraer clientes, nas que se podían observar lugares máxicos parecidos aos das películas.

De feito, estas fotografías acabaron convencendo a moitos padres que decidiron embarcarse nesta experiencia. Porén, cando apareceron no lugar no que se celebraba, decatáronse de que as imaxes non tiñan nada que ver coa realidade.

Os asistentes que acudiron ao evento atopáronse cun almacén medio baleiro, con decoración moi escasa, actores vestidos de pouca calidade, un castelo inchable e un par de gominolas por persoa. Moitos dos seus pais aseguraron que todo isto parecíalles ridículo e algúns nenos chegaron ata a chorar pola decepción. O peor de todo: non había nin unha onza de chocolate.

Como era de esperar, a xente terminou por chamar á policía de Glasgow que cancelou a actividade e obrigou a House of Illuminati a devolver o diñeiro a todos os presentes. A situación acabou filtrada en redes sociais e, pola ridiculez do asunto, converteuse en todo un fenómeno.

A IA no centro de todo

A intelixencia artificial tivo un papel protagonista nesta historia. Esta ferramenta foi utilizada pola organizadora para xerar ilustracións e imaxes coas que atraer a pais e fillos ilusionados por visitar o mundo de Willy Wonka. A súa páxina web evitaba usar fotos reais do evento e publicitábase a través deste contido, no que hai claras faltas de ortografía e incongruencias propias da IA.

A Willy Wonka Experience, un engano publicitario

E o seu papel non estaría limitado a isto, xa que o actor que encarnou a Wonka asegurou en redes sociais que o guión da experiencia estaba creado coa intelixencia artificial. Un guión cheo de fallos, cousas sen sentido e ata un novo personaxe que non existe na obra orixinal, ‘The Unkown’, que xa se volveu viral en Internet.

A través desta ferramenta, os organizadores do evento crearon imaxes que non eran realistas e non tiñan ningunha relación co que ía ser en realidade. Unha forma de publicidade enganosa en toda regra.

Esta situación é unha clara advertencia dos perigos actuais do uso da IA en sectores como o da publicidade e o márketing. E é que, se se utiliza de xeito erróneo, pode ser o axudante perfecto para cometer fraudes.

Polo momento, non existe ningunha norma que obrigue a identificar estas imaxes como fabricadas pola IA. Por esta razón, hai que ter coidado cos contidos xerados por IA e prestar atención a calquera sinal que pode indicar que a intelixencia artificial detrás deles.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles