Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Entrevista a Miguel López con motivo da xornada #InnovaciónUCGAL

by | Out 5, 2017 | Blog márketing, Comunicación, Entrevistas, Eventos, Márketing | 0 comments

Miguel López é o secretario da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Falamos con el en relación á xornada #InnovaciónUCGALInnovación Alimentaria: Que e canto hai de novo?, que se celebrará mañá 6 se outubro no Hotel Puerta del Camino de Santiago, promovida por UCGAL e en cuxa organización colabora o equipo de VINCUSYS. Queremos saber como naceu a idea, quenes estarán e que se atoparán os asistentes.

1.- Como xurdiu a idea desta xornada?

Dende UCGAL buscábamos dar continuidade a unha liña de traballo que esta organización leva desenvolvendo dende 2013, cando realizamos unha actividade sobre etiquetaxe. Dende entón, e de forma periódica, realizamos estudos para coñecer aspectos tan dispares como poden ser a comercialización do pescado, hábitos de compra das persoas consumidoras, a calidade da atención ao cliente dos grupos de distribución, etc. Esta xornada é un novo fito para unha organización que, a punto de cumprir 30 anos, considera a alimentación un aspecto clave da súa actividade.

2.- Cales foron os criterios para seleccionar aos poñentes?

O único criterio que nos guiou foi o de que todas estas experiencias resultasen especialmente atractivas, ben pola tipoloxía do produto, ben pola entidade da innovación que implican.

3.- Por que escollestes o formato de intervencións de 10-15 minutos?

Queríamos ter a oportunidade de coñecer cantas máis experiencias posibles mellor. Buscamos o modo de que participaran grandes e pequenos en diferentes etapas da cadea de valor: que o sector da investigación, da innovación, da fabricación, da comercialización e da distribución tivesen a posibilidade de falarnos dos seus proxectos.

4.- Que ten de innovadora esta xornada sobre innovación?

O innovador é que nace da vontade dunha organización de consumidores. Trátase dun proxecto novidoso, pois trata o tema dende a iniciativa dunha entidade dedicada a velar polos intereses das persoas consumidoras. Tamén é importante dicir que esta xornada xorde da estreita colaboración con empresas do sector privado de recoñecido prestixio que mostran coa súa participación o seu interese por mellorar, innovar e aprender para ofrecer a consumidores e consumidoras novos e mellores produtos.

5.- Que beneficios terá para os asistentes acudir a este evento?

A xornada é un espazo para cambiar impresións, establecer sinerxías e poñer en contacto a empresas de distintos ámbitos que representan distintos puntos da cadea de valor dos produtos alimenticios. Queremos que se coñezan, que intercambien experiencias e pode que deste entorno xurdan oportunidades para poñer en marcha novas ideas ou liñas de traballo conxuntas nas que cremos que unha organización de consumidores debe ter cabida.

Neste sentido, gustaríanos que as persoas participantes viran que as organizacións de consumidores son moito máis que entidades que se dedican a reclamar algo cando sal mal. A liña de traballo da UCGAL vai dirixida precisamente a evitar estas problemáticas. Consideramos que se podemos poñer en marcha accións, actuacións ou novas ideas e/ou proxectos que eviten problemáticas no futuro ou que permitan responder ás necesidades de determinados colectivos de usuarios, estamos cumprindo co noso compromiso coas persoas consumidoras galegas.

“As organizacións de consumidores son moito máis que entidades que se dedican a reclamar cando algo sal mal.”

#InnovaciónUCGAL

6.- Cales son os perfís de asistentes apuntados?

A #InnovaciónUCGAL asistirán investigadores, profesores de universidade, profesores de FP, empresas de tecnoloxía, empresas de alimentación, axencias de márketing, despachos de avogados, consultoras empresariais, traballadores do sector lácteo, pesqueiro e sanidade e estudantes.

7.- Esta xornada está ideada e promovida pola Unión de Consumidores de Galicia, como vai plasmar nela a UCGAL o seu compromiso constante cos consumidores?

A posta en marcha desta iniciativa xa demostra o noso compromiso e constancia coas persoas consumidoras. Esta iniciativa é a primeira desta natureza que se pon en marcha en Galicia dende unha organización de consumidores e da súa interconexión co sector privado.

8.- Que proxectos ten UCGAL a curto e medio prazo?

Innumerables e sobre materias moi diversas. O noso campo de traballo é tan amplo e multidisciplinar que nos leva a desenvolver proxectos sobre sanidade, turismo, comercio, banca, seguros e, por suposto, alimentación. No tocante a este sector, adiantamos que en breve temos previsto levar a cabo unha xornada de traballo en colaboración coa fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar) sobre a comercialización e produción de pescado conxelado. Unha actividade na que daremos a coñecer os resultados dun estudo a nivel nacional sobre o consumo de pescado conxelado e outros aspectos que, como organización de consumidores, consideramos necesario abordar.

9.- Vai haber máis xornadas deste tipo no futuro ou o considerades como un evento único?

Para UCGAL o sector da alimentación é unha constante, polo que seguiremos promovendo accións periodicamente e adaptándonos ás novas necesidades, aos novos formatos e ás novas esixencias das persoas consumidoras; e na medida do posible farémolo da man do sector privado, porque cremos que esa comunicación é fundamental para que se poidan desenvolver e articular unhas boas relacións de consumo. Queremos destacar precisamente que este tipo de colaboración nos permite traballar e deseñar proxectos innovadores en colaboración con actores que comparten intereses comúns á hora de articular actuacións nun ámbito tan importante como é o da alimentación. Neste sentido, sirva como exemplo a enorme aceptación desta xornada por parte de empresas e profesionais.

Deixámosvos un vídeo no que explica nun minuto a orixe de #InnovaciónUCGAL:

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles