Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Que é o rebranding e cando debo empregalo?

by | Feb 7, 2022 | Blog deseño gráfico, Comunicación | 0 comments

O rebranding consiste nunha modificación da imaxe dunha marca para conseguir uns obxectivos concretos. Supón un cambio nos elementos que identifican un negocio, polo que é unha acción estratéxica con moitas implicacións sobre a súa comunicación. Neste post explicámosche máis en profundidade que é o rebranding, en que ocasións se emprega e mostrámosche algúns exemplos que seguro que coñeces.

Ante unha actualidade moi cambiante e un exceso de información, as marcas precisan renovar o seu estilo segundo a situación do mercado ou da súa propia compañía para destacar sobre as demais. Sexa cal sexa o motivo, as empresas teñen que estar revisándose constantemente para poder adaptarse ás demandas dos consumidores.

O obxectivo dun rebranding tende a ser mudar a perspectiva das persoas sobre o negocio. Un debe estar atento aos comportamentos dos seus clientes, a como ven eles a marca, que virtudes e que defectos sinalan. As firmas teñen que aproveitar os comentarios dos seus consumidores para mellorar.

En ocasións o negocio precisa reconectar co seu público obxectivo, destacar sobre a súa competencia e ser unha firma recoñecida. Tamén pode ser que unha compañía faga axustes internos, como unha nova liña de negocio, e teña que comunicala ao mercado. As empresas normalmente notifican de algún modo os cambios significativos que sofren. En ocasións é unha campaña normal, mais noutras é unha modificación máis importante na súa comunicación.

En todo caso, o rebranding nunca é a creación dunha nova firma. Este método consiste en modificar a estratexia comunicativa dunha empresa que xa existe, un cambio na mensaxe e moitas veces tamén nos seus valores. Pode supor un novo nome, unha imaxe totalmente renovada ou uns novos valores.

Cando facer un rebranding?

Podes empregar esta estratexia por diferentes motivos, pero un dos máis claros é cando hai unha asociación negativa á túa marca de forma xeneralizada e estendida no tempo. Pode ser que o teu negocio estea vinculado a algo que non é de agrado en gran parte do público e para solucionalo precise un traballo de fondo. Se queres que a túa marca deixe de estar relacionada con isto, aparte de cambios na propia organización, tamén debes modificar a túa imaxe.

O claro exemplo disto é McDonald’s. A empresa pasou por unha crise debido a que moitas persoas comezaron a rexeitar a comida rápida e a reclamar produtos máis saudables e de mellor calidade. Ante isto, McDonald’s apostou polo verde e por unha imaxe máis limpa para facer certo lavado de cara. Ademais, comezou a incluír ensaladas no seu menú.

O rebranding tamén pode ser unha necesidade de actualizar a túa imaxe en relación ao cambio da túa marca. As empresas evolucionan por diversos motivos, pero agora aínda máis polos constantes cambios tecnolóxicos. Isto pode levar a que o obxectivo da túa firma e os seus procesos sexan outros, incluso puido mudar o seu público obxectivo. Se a túa imaxe non evoluciona con isto, pode haber un problema.

Correos realizou unha gran campaña para mostrar a súa nova identidade. A empresa de mensaxería experimentou numerosos cambios durante os últimos anos. Agora non enviamos cartas, pero pedimos moitos paquetes por Internet. A súa estrutura é outra e a súa imaxe tiña que ser diferente. Fixo un logo máis minimalista, creou a súa propia tipografía e lanzou unha importante campaña por redes en concordancia coas súas numerosas novidades.

Un exemplo actual e moi destacado é o de Meta, antiga Facebook. A gran compañía de Mark Zuckeberg cambiou de nome, de imaxe e agora ten un obxectivo principal diferente, o metaverso. Este mundo dixital que se mestura co real é, para moitos, o futuro de Internet, polo que a empresa estadounidense deu un paso adiante. Agora Meta é unha das caras máis importantes do metaverso que, previsiblemente, pasará a formar parte do noso día a día nuns anos.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Meta (@meta)

Renovarse ou morrer, non? Incluso na nosa axencia de márketing en Galicia, VINCUSYS, apostamos por un rebranding o ano pasado. Tantos anos traballando e tantas novidades neste camiño fan que un cambio de imaxe sexa inevitable nalgún momento.

En realidade, facer un rebranding non é sinxelo e supón un gran cambio para as empresas. Se non o realizas da forma e no momento correctos, pode confundir aos consumidores e ser contraproducente.

Por iso, antes de levar a cabo un rebranding, hai que facer un estudo exhaustivo da situación do negocio e do mercado. Debes ter claro o teu público obxectivo, os seus intereses e saber a opinión que os clientes teñen da túa marca. Hoxe en día Internet axúdanos a coñecer este tipo de cousas de forma máis concreta, o que permite enfocar moito mellor a estratexia.

A túa marca ten que ter as cousas claras. Saber cales son os valores e os elementos que a representan é clave para realizar a nova imaxe e a posterior comunicación. Difundir o rebranding tamén é unha tarefa moi importante. Tes que informar aos teus consumidores e chamar a atención dos que aínda non o son, pois ao final estarás facendo unha campaña de publicidade sobre a túa firma que pode ser moi rendible.

Xa sabemos que é o rebranding, pero… e o restyling?

Cando unha marca fai unha actualización da súa imaxe, pero mantén a esencia, está facendo un restyling. Pode ser unha modificación nas cores, as tipografías ou no logo, pero unha base continúa intacta.

Esta estratexia tamén se leva a cabo por diferentes motivos. Se o teu negocio precisa reforzar a imaxe ou a personalidade da súa marca, actualizarse, podes realizar un restyling sen necesidade de grandes modificacións na compañía.

Como mencionamos con anterioridade, na nova sociedade da comunicación, na que recibes constantemente información de marcas, é preciso renovarse para destacar. Outro motivo polo que podes apostar polo restyling é para reflectir algún cambio na comunicación da túa compañía.

Swarovski fixo unha renovación do seu logo hai case un ano, aínda que non deixou de lado a súa esencia. Este novo deseño ten un estilo máis xuvenil e moderno, igual que a súa comunicación en redes sociais.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de SWAROVSKI (@swarovski)

Outra caso de actualidade é o de Stradivarius. A marca de Inditex mantén o seu característico símbolo, a clave de sol, mais modifica por completo o estilo. Tamén o fai cunha icona completamente renovada. A palabra Stradivarius pasa ás maiúsculas cunha nova tipografía máis limpa e moderna.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Stradivarius (@stradivarius)

As empresas teñen, hoxe máis que nunca, unha comunicación directa cos clientes e deben aproveitala. Aínda que están moi saturados de información, as marcas tamén contan con moitos datos sobre eles. Deben aproveitalos para adaptar o seu negocio o máximo posible ás necesidades dos consumidores e modificar a súa imaxe en consecuencia.

Se a túa marca precisa unha renovación de estilo, dende a nosa axencia de márketing en Santiago de Compostela podemos axudarte en todo o proceso. Contacta connosco para conseguir facer medrar a túa firma.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles