Blog

¡Acomódate!, es tiempo de lectura.

Son fiables as opinións en Facebook?

by | Ago 11, 2019 | Axencia de comunicación, Axencia de márketing, Blog comunicación, Social media | 0 comments

Recentemente tiven ocasión de ver un escarnio con forma de opinións en Facebook nunha páxina de negocio que nin sequera abriu as súas portas aínda. Como podes falar mal dun negocio que non che prestou servizo aínda?

O feito de que calquera poida opinar nunha páxina de Facebook, tanto positiva coma negativamente, sen un filtro previo, rebaixa o valor dos comentarios dos seus autores. Agora mesmo podo opinar nas páxinas de hoteis, restaurantes, pequenos e grandes negocios de todo o mundo sen tan sequera coñecelos, ter estado alí ou ter escoitado falar deles.

Ao longo dos anos vimos como empresas como TripAdvisor foron implantando filtros nunha loita contra as opinións de parte, ficticias, que tentan, a través de malas prácticas, gañar mellor posición para un negocio ou, ao contrario, influír negativamente na valoración global na rede social.

Na liña coa compra de seguidores, xestores de comunidades en distintas redes -axencias de márketing, profesionais do sector ou propietarios/encargados da comunicación do negocio- abusan constantemente das fisuras das distintas redes e tentan mellorar a visión que ofrecen de si mesmos, inventando opinións, ou empeorar as da competencia. Tamén é bastante habitual tentar exercer presión sobre un prestador de servizos, o xa clásico “se non me invitas a xantar ou a uns chupitos vou poñer unha opinión negativa en Internet”.

https://www.vincusys.gal/blog/por-que-e-importante-xestionar-ben-as-crises-nas-tuas-redes-sociais/

Que facer ante estas opinións en Facebook?

Na miña opinión, ningunha das opcións pinta ben:

a) Entrar ao trapo e dicirlle a quen escribiu unha opinión sobre un negocio que aínda non comenzou a súa andaina que non se pode falar do que un non coñece.

b) Tirar de man esquerda e ofrecerlle que vaia coñecer o negocio para que teña unha opinión fundada.

c) Desacreditar ao autor do comentario e entrar no escarnio.

d) Reportar a Facebook a opinión, cando non hai unha opción concreta nesta rede para este tipo de casos.

Opinións falseadas e inventadas

Non se trata de censura, senón de dúas cousas: información de calidade para os usuarios da rede social e xustiza coa empresa, produto ou servizo. De que nos serven as opinións inventadas ou falseadas? Entramos en Facebook, miramos os comentarios de Google ou devoramos os relatos sobre as visitas da xente a tal restaurante ou tal bar en TripAdvisor outorgándolles unha credibilidade que non teñen.

Recentemente lin que en Amazon comezaba a haber problemas de compra-venda de opinións que chegaron a multas e sancións. Nun momento no que a compra se basea en moitas ocasións nas opinións doutros usuarios, inventar información positiva ou negativa sobre un negocio, os seus produtos ou servizos é unha estafa a futuros posibles compradores. Eu mesma ordeno en Amazon os produtos en base á puntuación dos clientes que xa mercaron ese artigo.

Precisamos o compromiso firme das redes sociais co bo facer. Está claro que sempre haberá unha marxe de erro e unha porcentaxe de subxectividade insalvable, especialmente en hostalaría ou en moda, pero unha cousa é valorar en función do teu criterio propio e outra é inventar ou mentir. Hai que poñer ao consumidor no centro, porque está cada vez máis intoxicado polas opinións interesadas, compradas e falseadas.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Consulta las ayudas y subvenciones disponibles