Seguro que en múltiples ocasións paraches a pensar se montar unha tenda on line ou deixalo para máis adiante, e pode ser que finalmente decidiras pospoñelo. Non serás o único que se tirara dos pelos esta tempada por non ter arrancado o seu ecommerce ou que, como mínimo, non se preguntara se, de telo feito, lle tería reportado uns beneficios interesantes nestes momentos de complexidade económica.
Ante as dúbidas, o mellor é valorar os pros e contras, tomar unha decisión baseada en datos estudados e meditados, para minimizar riscos e sorpresas desagradables.
Por que apostar pola canle on line lanzando un ecommerce?
Compartimos uns cantos titulares (con ligazón aos seus respectivos artigos) que xa nos ofrecen unha perspectiva da situación actual:
- O ecommerce medra un 55 % polo coronavirus. “A caída en categorías como moda e calzado (-69 %) ou mascotas (-22 %) viuse compensada polo crecemento das vendas de deportes (+191 %), mobiliario (+135 %), xardinería (+130 %) e farmacia (+26 %)”. Ecommerce-news.
- Aumenta a frecuencia de compra on line debido ao coronavirus. “O estudo realizado por Ipsos sinala que en 11 dos 12 mercados analizados os consumidores están mercando máis produtos on line que nas tendas”. ReasonWhy.
- Amazon, unha das grandes gañadoras da crise do coronavirus. “O 10 % dos españois fixo algunha compra durante a crise do coronavirus en Amazon e as visitas á web da compañía subiron un 76 %”. Puro Marketing.
- As vendas ‘on line’ dos supermercados dispáranse un 74 % na segunda semana de confinamento. “As compras de alimentos medran un 18 % e as de fariña multiplícanse por catro na terceira semana”. El País.
- Como está afectando o coronavirus ao ecommerce español: 6 estudos sobre o impacto nas vendas on line do Covid-19. Marketing4Ecommerce.
Neste sentido, xa fai tempo que falamos no noso blog da tendencia á alza do sector:
https://www.vincusys.gal/blog/a-situacion-do-e-commerce-e-xa-unha-realidade-para-as-pymes/
Está claro que, agora mesmo, estamos ante un pico de consumo on line, pero ninguén dubida xa que é unha tendencia que estaba á alza e que, a raíz do confinamento polo coronavirus, este ano se asentará por riba de todo prognóstico. Se ano tras ano estabamos vivindo un crecemento nos hábitos de compra on line, 2020 será un ano cun aumento moi superior ao esperado, no que milleiros de persoas converterán en habitual un estilo de compra que tiñan por residual.
O incremento do número de persoas que están apostando pola compra on line sumado ao aumento do gasto nos xa habituais, converten á canle on line nun carameliño para calquera negocio de venda de produtos ou servizos.
Sen dúbida, estamos ante o mellor momento para a compravenda on line dos últimos anos. Unha tendencia á alza que agora se asenta. Tendo isto claro, cabe agora pasar ao teu caso particular, a valorar se hai un oco para o teu negocio e para ti dentro deste universo crecente.
Podes competir por produto, por prezo ou por servizo?
Chegou o momento de que te fagas estas preguntas:
1.- Tes un produto único, exclusivo, diferente ao que hai no mercado?
2.- Se vendes o mesmo produto que a túa competencia, podes ofrecer prezos competitivos con respecto a ela?
3.- Podes ofrecer un servizo mellor? E cun servizo mellor non falamos de que o teu packaging sexa máis bonito, senón dun valor engadido real ao produto en si: un bo servizo postvenda ou condicións de envío e devolución que melloran substancialmente ás da competencia, por exemplo.
Se a resposta é un si claro, adiante, toca facer números para ver se é factible.
Fóra medos!
O medo e a indecisión son dous dos peores amigos dunha empresa. Non se trata de facer as cousas ao tolo, sen meditar, pero si de analizar pros e contras, quererse a un mesmo e pensar que se outros puideron, e ti cumpres algún ou varios dos requisitos anteriores, tamén podes.
“Se pensas que es demasiado pequeno como para marcar a diferenza, tenta durmir cun mosquito”
Dalai Lama
Por onde comezar á hora de montar unha tenda on line?
Polos números, por suposto. En primeiro lugar, sendo sincero contigo mesmo, valora canto tempo e diñeiro vas poder dedicarlle a este punto. Tanto se o delegas nunha axencia de márketing como se decides xestionala ti mesmo, existen uns custos asociados a unha tenda on line (aloxamento da web, montaxe, mantemento…). Ademais dos custos de envío e loxística. Fai os teus números e verás que a medio prazo son moi inferiores aos dunha tenda física. Chegados a este punto, é o momento de desenvolver o plan de márketing.
O plan de márketing é fundamental porque nel se basean as túas estratexias a curto, medio e longo prazo, a comunicación dos teus produtos, servizos e a túa propia marca e grazas a el poderás facer que o teu equipo, os teus produtos e esforzos vaian ao estilo Fuenteovejuna: todos a unha.
Non está de máis pedir opinión a un especialista para estar plenamente convencido antes de dar o paso. Deste tema falamos hai algún tempo con Esther Vázquez. Cada sector é diferente e o que vale nun non ten por que ser útil noutro.
https://www.vincusys.gal/blog/necesito-unha-consultoria-estratexica-para-o-meu-plan-de-marketing/
Que é mellor: montar unha tenda on line ou apostar por un marketplace?
1.- Podes montar a túa propia tenda on line, para a que tes distintas plataformas segundo o número de produtos que queiras vender, desde Woocommerce ata Prestashop ou Magento. Pero tamén podes facer unha inversión menor, con ferramentas como Shopify, moito máis intuitivas pero cun custo fixo.
2.- Podes empregar plataformas de venda, como Amazon, eBay ou AliExpress. Con elas aforras o ‘engorro’ de montar a túa propia tenda, a túa propia canle de venda, pero a cambio cobrarán unha suculenta comisión de todo o que vendas, competirás coa túa competencia no mesmo espazo e probablemente cos mesmos produtos e estarás perdendo un tempo moi valioso de cara ao aproveitamento da canle on line no medio prazo.
Apostar por un destes marketplaces pode ser unha opción interesante se a combinas temporalmente coa túa propia tenda. Podes darte a coñecer a través deles e detectar erros, nichos e escoitar de primeira man as opinións dos teus clientes para implantar melloras no teu sistema de venda.
Cando tomes esta decisión, non esquezas que a carta de presentación dos teus produtos é a ficha que incorpores, xa sea en Amazon, eBay, AliExpress… como no teu propio ecommerce. Se queres algúns consellos útiles para que as túas fichas de produto teñan éxito, recomendámosche que leas este outro artigo, onde tamén falamos de como posicionalas:
https://www.vincusys.gal/blog/como-optimizar-o-seo-para-e-commerce/
Como ves, o espazo entre que o teu produto está contigo e chega a mans do teu cliente potencial inclúe unha longa lista de decisións e accións que tes que valorar detidamente. Pero se tes dúbidas e queres comentalas co equipo da nosa axencia de márketing de Santiago de Compostela, podes contactarnos.
0 Comments