Revisado o 02/02/23 — A raíz da nosa entrada no sector inmobiliario, un sector que está vivindo un momento complicado os últimos anos, reafirmámonos no que sempre comentamos aos nosos clientes: “a túa empresa ten que ser diferente”.
Cando estás nun eido que se move moi rápido e cunha competencia particularmente agresiva, é aínda máis importante que os teus clientes actuais e potenciais vexan en ti unha empresa:
- De confianza.
- Próxima.
- Resolutiva.
- Innovadora.
- Que se reinventa.
- Con capacidade de autocrítica.
- E, sobre todo, eficaz.
Pode que che interese ler este post sobre márketing inmobiliario para poñer en funcionamento ideas para a túa empresa:
Falamos de márketing inmobiliario con Jacobo Blanco, de Capitel Ksa
De confianza
Para que a relación co teu cliente sexa duradeira, é fundamental que se basee na confianza, sobre todo cando falamos de sectores especialmente sensibles como o inmobiliario —o teu cliente vaise basear no teu criterio para seleccionar o fogar da súa familia—, o médico —o teu cliente vai poñer a súa saúde e incluso a súa vida nas túas mans— ou o legal —non fai falta explicar as repercusións que pode ter un mal servizo legal—.
Próxima
Unha relación “de ti a ti”, na que o cliente se sinta cómodo para falar contigo, transmitirche as súas inquedanzas e ti poidas darlle solucións profesionais a medida, acordes coas súas necesidades.
Resolutiva
Que o teu cliente saiba que se ten un problema ti lle vas buscar unha solución, non ten prezo. Ser resolutivo non é sinxelo, pero o teu coñecemento do sector, dos procesos e dos tempos, axudará en grande medida nesta tarefa.
Innovadora
Facer cousas distintas, saír dos canons habituais, propoñer ideas novas, procesos novos, solucións novas… pode que che leve tempo apertar o cerebro para encontrar estas solucións, pero sen dúbida o teu cliente agradecerá que saias do “sota, cabalo e rei” do sector.
Que se reinventa
Falamos de negocios que implantan solucións novas, medidas novas, procesos novos. Implantar canles de comunicación fluída cos clientes, automatizar procesos, incorporar novos servizos segundo cambia o mercado e o sector…
Con capacidade de autocrítica
Saber recoñecer os teus erros é unha virtude, porque a maioría das persoas -e das empresas- non son quen de ver a necesidade de escoitar aos seus clientes e recoñecer os seus fallos. Partimos da base de que todos somos humanos e todos nos equivocamos. Pero o que marca a diferenza é saber recoñecelo e buscarlle unha solución.
Eficaz
Poñémolo de último pero non é por orde de importancia. Está claro que, se alguén contrata os teus servizos, é porque quere unha solución a algo que non pode solucionar el por falta de tempo ou falta de cualificación. Neste punto pódeche axudar moito ser unha persoa ordenada e metódica e, sobre todo, ter unha comunicación fluída co teu cliente. De nada serve que fagas moitas cousas se non llas comunicas porque o teu cliente non as porá en valor.
Sobre atención ao cliente, pode que che interese ler este post:
Entón… Por que tes que ser un negocio diferenciado?
Cando un cliente chama á túa porta é altamente probable que tamén chame á da túa competencia. Por que vai quedar contigo se fas o mesmo ca ela?
Dar valor engadido ao teu traballo e, en definitiva, marcar a diferencia fronte a túa competencia é fundamental para destacar e ser cabalo gañador. Pénsao en ti mesmo: por que vas a un bar e non a outro? Por que vas a un perruqueiro e non a outro? Por que escolles este avogado e non outro?
Como podes conseguir ser unha empresa diferente?
Escoita: o teu cliente vaiche transmitir as súas inquedanzas e necesidades. Saber que quere, que precisa e como podes axudalo é tan fácil como escoitalo. El mesmo vaiche resolver o misterio.
Innova: le libros, páxinas e blogs do teu ámbito, acode a eventos do sector, segue á túa competencia, coñece a forma de traballar do teu sector noutras cidades…
Arrisca: somos moi fans da frase de Einstein que dicía “se queres resultados distintos non fagas sempre o mesmo”. Un pouco de risco calculado pode traerche grandes beneficios. Calculado, porque non se trata de ser tan rompedor que xeres desconfianza, pero si de aplicar pequenos cambios e medir o seu efecto no teu público.
Se tes dúbidas e precisas a nosa axuda, non dubides en contactar connosco 🙂
0 Comments