Esta é unha das eternas preguntas ás que se enfrontan as empresas que deciden crear unha tenda on line e apostar pola venda dos seus produtos a través de Internet. Pero os erros que se cometen tenden a ser iguais ou semellantes e algúns deles fáciles de solucionar. Basta con traballar como unha formiga —inesgotable e a diario— para que os resultados se vexan a medio prazo.
Neste artigo, queremos compartir convosco algúns dos erros máis habituais das empresas que teñen unha tenda on line e non aproveitan todo o seu potencial.
Mentiras sobre e-commerce
Se monto unha tenda on line… vendo máis seguro!
Para comezar, é un erro moi común pensar que, polo mero feito de ter unha tenda on line, imos vender. Iso é absolutamente falso. Pode que abrindo unha tenda cun escaparate moi atractivo no centro da túa cidade ou pobo entre a xente que pasea por diante por curiosidade ou para comprar, pero en Internet a xente non pasea, entra cun motivo e busca cun obxectivo. Décheslles un motivo para entrar? Cumprirán os seus obxectivos se entran?
Poden ver a miña tenda on line dende todo o mundo, é imposible que non venda máis
Unha tenda on line ou unha web son unha tarxeta de visita: de nada serve ter 2.500 unidades se non as repartimos ás persoas correctas. É certo que estar en Internet ábreche as portas a ducias de países, a xente que xamais escoitaría falar do teu negocio, produtos e servizos sen o potencial da rede, pero para que cheguen ata a túa tenda —e, sobre todo, tendo en conta que hai millóns de tendas en Internet— non podes deixar todo en mans do azar. Tes que crear unha estratexia adecuada para saber onde está o teu público potencial e como chegar a el. Parece simple, pero non o é tanto.
Unha tenda on line é como as tarxetas de visita: non serven de nada se non as repartes.
Que máis dá que teña que mover os dedos para vela ben dende o móbil?
Erro terrible. Unha gran mentira sobre e-commerce. Se tes unha web non responsive, que non se autoadapta ao dispositivo dende o que a visitas, xa sexa móbil, tableta ou ordenador, estás morto. Dende hai máis dun ano Google penaliza as webs que non se adaptan a todos os dispositivos. E ademais, de cara ao usuario, a experiencia de navegación será calquera cousa menos rápida e agradable. Tes que estar ao nivel da túa competencia. Adaptarse ou morrer, nunca mellor dito.
En seis pasos xa teño o produto na cesta
Seis pasos? En serio? Hai que fomentar a venda en quente: aprendamos dos grandes. Escoitaches falar da compra nun clic de Amazon? Ves un produto, pinchas en comprar e, como os teus datos xa están gardados, automaticamente envíase á túa casa en cuestión de días ou incluso horas. Xa sabemos que nunha tenda pequena se complica o proceso, pero máis de tres clics é demasiado: pinchar en comprar, clic no carriño e meter os datos para pagar. Non se pode dar a opción de que o cliente o pense moito e decida contrastar máis, buscar noutras webs, valorar se realmente o necesita… o tempo que tarda un cliente no proceso de compra dun produto na túa web xoga na túa contra.
As redes sociais son só para rexoubar
Si, téndese a pensar que Facebook é para compartir as túas aventuras de fin de semana, as túas vacacións e as túas fotos de comida cos teus amigos. Pero iso é nun perfil de persoa. Unha páxina de empresa é unha ventá a centos de millóns de persoas que están na rede social. Aí debes mostrar o mellor lado da túa empresa, produtos e servizos e tender unha man aos teus clientes potenciais. Poñerán as súas opinións, moitas veces serán malas, pero debes ser agradecido porque coñecelas axudarache a mellorar e ter a opción de non perder o cliente. Nunha tenda física é fácil que unha persoa marche descontenta, non cho diga e llo comente aos seus amigos. En Facebook está o pseudoanonimato de estar tras unha pantalla, o que permite falar con máis claridade. Responde con man esquerda, asume os teus erros e intenta aproveitar esa información directa do teu cliente para mellorar. Nunca un estudo de satisfacción foi tan sinxelo de conseguir e tan barato.
Ademais de ser a túa ventá eficaz ao mundo (fíaste moito máis do que che recomenda un amigo que un anuncio), compartir información e noticias en redes sociais axuda ao posicionamento orgánico da túa web de forma gratuíta (SEO). Non usar redes sociais para dar a coñecer os teus produtos é un erro. As redes sociais deben levar á túa tenda on line. O obxectivo non é que sigan o teu Facebook ou o teu Twitter, trátase de que a través deles consigas que a xente entre na túa tenda on line.
«Eu véxoo ben»
Xa, non es un profesional da fotografía, pero, sedúceche esa imaxe? Consegue que desexes comprar ese artigo e telo xa en casa? Se non é así, non vale. E é mellor ser crítico, pecar de crítico que pecar de deixadez. Unha boa fotografía pode marcar a diferenza entre o que queres comprar e o que non.
Internet é moi frío, non podo mimar aos meus clientes
Si, non os tes diante, non ven o teu sorriso, non escoitan as túas palabras amables… pero os teus clientes valoran que prestes atención ás súas necesidades e queixas a través da propia web ou as redes sociais e que traballes para ofrecerlles o mellor servizo posible. Isto implica un traballo duro de mantemento da túa web: fotografía coidada, textos que expliquen ben e ao detalle as características do produto e un servizo postvenda impecable. Ás veces, paga a pena deixar de gañar nun produto para non perder un cliente e que falen ben de ti. Lembra sempre que Internet é viral e que a opinión que escriba en Facebook unha persoa sobre ti non a lerá un amigo ao que lla conta no bar, senón que de media terán acceso a ela entre 150 e 200 persoas, a totalidade dos seus amigos nesa rede. E se é de Twitter, peor: calquera persoa que busque información sobre a túa marca terá acceso a ela. As redes sociais son unha arma de dobre fío, moi útiles, pero requiren dunha xestión profesional. Diso falábamos no noso artigo sobre que deben facer os profesionais aos que encomendedes a comunicación da vosa empresa.
Se queres crear unha tenda on line, tes dúbidas de como xestionala ou tes medo ás mentiras sobre e-commerce que se escoitan habitualmente, estamos aquí para axudarche. Non dubides en contactar coa nosa axencia de márketing en Santiago de Compostela.
Fotos: mkhmarketing, pixabay
0 Comments